Parece que a escalada de capacidades de almacenamento en memorias de estado sólido non cesa, e tras demostrar Seagate as súas novas unidades SAS SSD de 60 TB, dende Toshiba presentan o seu concepto de unidades QLC SSD de 100 TB, con 3 GB/segundo de largo de banda de lectura secuencial e 1 GB/segundo de escritura secuencial, mantendo un consumo en activo igual ao dun disco duro SATA de 3,5 polgadas, 8 TB de capacidade e 6 Gbps de velocidade, aínda que en espera a diferenza de consumo sería abismal, cuns 8 watts dun disco duro ordinario (sumando 96 watts de ter que sumar unidades de 8 TB para chegar ata os 96 TB de capacidade) e menos de 0,1 watts nun QLC SSD.
Cómpre destacar que estas novas unidades non están deseñadas pensando no seu uso para equipos domésticos, senón para servidores nos que se realizarían poucas escrituras e moitas lecturas, xa que a solución adoptada non ten unha taxe de reescrituras moi elevada. Teriamos así unha tecnoloxía destinada principalmente a reducir o consumo e o espazo en grandes centros de proceso de datos nos que precisan de grande velocidade de acceso á información, aínda que normalmente hai que agardar un tempo a que estas unidades reduzan o seu prezo para que compense a adopción destas tecnoloxías que a longo prazo suporán unha importante mellora instalacións de almacenamento e procesado de datos.
Toshiba presenta unidades QLC SSD de 100 TB
Compartir Este Artigo
