En maio de 2016 o presidente dos EE.UU. estreaba conta de usuario oficial en Twitter, e ante o feito de que a conta @POTUS superase os 10 millóns de seareiros, dende Twitter publicaron un vídeo no que recollen algúns dos seus chíos máis representativos.
Cómpre lembrar que a conta de @POTUS ten unha actividade moi discreta e moderada, precisamente por ser unha conta oficial do cargo e non da persoa, resultando bastante meritorio que en tan pouco tempo superase a barreira dos 10 millóns de seareiros, achegándose bastante aos 11,3 millóns que ten a Casa Branca, xa que a conta @WhiteHouse creouse 6 anos antes, polo que partía dunha vantaxe abismal. @POTUS tamén ten o Guinness World Record á conta de Twitter que máis rápido chegou ao millón de seareiros.
Máis paseniño parece ir a Primeira Dama (@FLOTUS) que actualmente ten 5,1 millóns de seareiros en Twitter, onde sorprende por empregar un avatar no que deixa claro que ten presenza en Snapchat, plataforma que probablemente non sexa a máis atinada para a comunicación oficial dun cargo público.
En calquera dos casos será interesante comprobar o que acontecerá despois de que a familia Obama abandone a Casa Branca, xa que é posible que os seus sucesores non conten coa mesma popularidade nas redes sociais e, no caso de que Hillary Clinton chegue á presidencia enténdese que a conta @FLOTUS quedaría conxelada por carecer de sentido que o ex presidente Bill Clinton respondese a tal cargo.
Vídeo no que podemos ver ao presidente Obama lanzando o seu primeiro chío oficial
