Google anunciou hoxe o lanzamento de Android 7.0 Nougat para os dispositivos Nexus, o que quere dicir que a nova versión de Android inicia a súa distribución, comezando polos terminais soportados pola compañía de Mountain View, como o Nexus 6, o Nexus 5X, o Nexus 6P, o Nexus 9, o Nexus Play, o Pixel C e os dispositivos Android One, que durante as vindeiras semanas comezarán a recibir a actualización sen fíos, e aos que seguirán máis móbiles entre os que destacan o feito de que o LG V20 xa chegará ao mercado con Nougat presinstalado.
Aínda que Android 7.0 sexa unha grande actualización podería compararse a Android 6.0 no feito de que a primeira vista poderían ter respondido a números de versión secundarios dentro de Android 5.0, pero realmente si hai cambios importantes no sistema que non son estéticos, pero supoñen un importante avance de cara ao futuro de Android, como o feito de incorporar soporte nativo de multi-fiestra, de xeito que poderanse executar varias aplicacións en pantalla de xeito simultáneo, o que podería ter un impacto moi importante nas tabletas á hora de empregarse para labores de produtividade. O sistema tamén incorpora atallos importante como permitir responder directamente a avisos sen necesidade de abrir a súa aplicación correspondente ou realizar un cambio rápido de aplicación cun par de toques sobre un botón.
A xestión de batería tamén mellora considerablemente ao contar cunha función que detecta cando levamos o móbil no peto ou no bolso mentres nos desprazamos, para que nesa situación procure colocarse en modo de aforro de consumo.
O bilingüismo chega a Android
De cara ás experiencias inmersivas Nougat tamén incorpora a API para a reprodución de contidos tridimensionais Vulkan e a plataforma de realidade virtual móbil Daydream; potencia a seguridade a través de actualizacións seamless e o cifrado de arquivos; achega un sistema de configuración máis rápido; incorpora moitas máis emoticonas; e incluso conta cun sistema de soporte multilocal que permite ás aplicacións personalizar os contidos en función da configuración local do dispositivo, de xeito que por fin poderemos establecer varias linguas nun único trebello, coa orde de visualización que desexemos (ou sexa, que será posible ter o smartphone en galego sen que as aplicacións máis importantes aparezan en inglés como acontece actualmente).
