Unha investigación da Comisión Europea iniciada en xuño de 2014 sobre as axudas estatais que Irlanda estaría a outorgar a Apple determinou que as vantaxes fiscais aplicadas non se axustarían ás normas comunitarias, de xeito que estiman que Apple puido pagar moito menos en impostos que outras empresas, instándose agora a Irlanda a proceder á recuperar a axuda ilegal, que estaría estimada nuns 13.000 millóns de euros.
As normas comunitarias non permiten que os Estados membros poidan outorgar vantaxes fiscais de xeito selectivo a determinadas empresas, o que claramente acontece con Apple en Irlanda, onde o tipo de imposto de sociedades efectivo que satisfacía a empresa era de só o 1% dos beneficios xerados en Europa en 2003 e que chegou a reducirse ao 0,005% en 2014.
Dende a Comisión Europea determinouse que o método de determinación de beneficios impoñibles das dúas sociedades mercantís do grupo Apple (Apple Sales International e Apple Operations Europe) non reflectía a realidade económica, xa que as administracións centrais de Apple repartidas por toda Europa non foron obxecto de gravame en ningún país, aplicándose os impostos sobre beneficios só a Apple Sales International.
O importe de 13.000 millóns de euros en axudas ilegais corresponde a impostos non pagados entre os anos 2003 e 2014, ou sexa, os 10 anos previos á primeira solicitude de información, que é o período fiscal sobre o que a Comisión pode pedir contas, xa que estas prácticas de Apple levarían facéndose dende 1991 e abandonáronse en 2015, cando as empresas de Apple mudaron a súa estrutura.
Como exemplo da enxeñaría fiscal de Apple dende a Comisión Europea comentan que no ano 2011 os beneficios de Apple Sales International foron de 22.000 millóns de dólares, dos que considerouse que só 50 millóns de euros corresponderían a Irlanda, mentres que os 15.950 millóns de euros restantes quedarían exentos de impostos, o que faría que a compañía pagase menos de 10 millóns de euros en imposto de sociedades, o que correspondería a un tipo efectivo do 0,05% sobre os beneficios anuais, que en anos posteriores aínda foi a peor, e en 2014, con beneficios de Apple aínda maiores, o tipo impositivo efectivo quedou nun ridículo 0,005%.
Dende a Comisión Europea insístese en que a recuperación de impostos non pagados por Apple non busca sancionar a Estados nin penalizar a empresas, senón que só persigue eliminar o falseamento da competencia por mor de axudas estatais irregulares por tratar a unhas empresas de distinto xeito que ao resto. Deste xeito Apple debería tributar en Irlanda por todas as vendas, aínda que dende a Comisión admiten que a cantidade correspondente a impostos non pagados a recuperar podería axustarse en función de motos outros parámetros, e tamén estaría pendente ao control dos órganos xurisdicionais da Unión Europea, estando previsto que Irlanda recorra a decisión actual.
Dende Apple publicaron unha carta aberta aos seus clientes asegurando que en todos estes anos operaron asesorados polas autoridades tributarias irlandesas para cumprir coa súa normativa fiscal, cumprindo coa lei e pagando os impostos que deben en Irlanda e todos os países nos que operan, negando que pediran ningún tratamento especial para Apple por parte de Irlanda, e consideran irregular que lles esixan agora o pago retroactivo de impostos adicionais.
A Comisión Europea declara ilegais as exencións de impostos que Irlanda aplicou a Apple
Compartir Este Artigo
