Cando falamos de celebridades da Internet é frecuente que xurdan preguntas sobre os cartos que fan este novo tipo de figuras explotando a súa imaxe, e aínda que existan moitas diferenzas entre cada caso e, especialmente, entre cada país, a plataforma Captiv8 vén de comunicar datos medios do que as figuras con moitos seareiros na Rede cobran por realizar campañas publicitarias. Sabemos así que unha celebridade con entre 3 e 7 millóns de subscritores podería cobrar de media 187.500 dólares por unha publicación en YouTube, 75.000 dólares por unha entrada en Instagram ou Snapchat e 30.000 por un chío en Twitter; mentres que os influenciadores con entre 50.000 e 500.000 seareiros cobrarían de media 2.500 por unha publicación en YouTube, 1.000 dólares en Instagram ou Snapchat e 400 dólares en Twitter.
Estes datos chegan nun momento no que está de actualidade o feito de que é preciso diferenciar claramente cando un vídeo ou unha publicación nunha rede social está patrocinado, o que nalgúns países levan a que se empreguen cancelos como #ad ou #sp para advertir da esponsolización, que en Instagram estarían a empregarse máis de 200.000 veces ao mes, deixando claro que as marcas están a recorrer intensivamente á promoción polas canles sociais de moda.
Lembremos que hai pouco a Warner tivo que facer fronte a unha sanción por facer publicidade encuberta con youtubers, e esta situación podería explicar por que celebridades como Kim Kardashian comezaron a empregar os cancelos de identificación publicitaria, para que os seus patrocinadores non recibisen sancións por encubrir anuncios que, por outra banda, resultan máis que evidentes, aínda que ata o momento moitas figuras preferisen omitir a identificación dos patrocinios para non transmitir a sensación de que o seu compromiso co que publican é menor que con outros contidos publicados.
A publicidade de celebridades en YouTube custaría de media 187.500 dólares
Compartir Este Artigo
