Ribadeo vai ser os días 16 e 17 de setembro un gran escaparate de drons e de tecnoloxías postas ao servizo dos novos aparellos e comunicacións aéreas. Segundo informa o Concello, virán enxeñeiros aeronáuticos de todo o ámbito estatal e de países europeos como por exemplo Francia. Os días pasados celebrouse no consistorio a presentación deste encontro. No acto participaron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; a concelleira de Turismo, Ana Martínez; e o organizador, José Nogueira, que é enxeñeiro aeronáutico en Airbus, en Francia. Na cita cos medios fíxose saber que entre as accións previstas atópase a charla O desafío tecnolóxico e social das aeronaves (dron) non tripuladas e proxectos en Galicia, que terá lugar o 17 de setembro ás 19 horas no Cine Teatro.
Na presentación tamén se fixo saber que se contaba xa (no transcurso do acto) con 25 especialistas inscritos no evento, entre as que se contan senlleiros profesionais de renome dentro do sector aeronáutico estatal. A cifra prevese que vaia a máis ao longo destas semanas.
A concelleira Ana Martínez tamén informou que a intención é achegar estas xornadas a todo público “e non soamente especializado, senón ao público en xeral porque falamos dunhas xornadas abertas e dun tema tan interesante e actual que atesoura moitas posibilidades de desenvolvemento a curto prazo e non só nos ámbitos turísticos ou fotográficos senón en ámbitos moi diversos como é o desafío tecnolóxico e social das aeronaves non tripuladas o que coñecemos como drons, e os proxectos que se están a desenvolver en Galicia como é o caso do mais próximo que temos en Rozas, en Lugo”. A concelleira de Turismo aproveitou para lembrar que “tamén dispón Ribadeo dun aeródromo”, que ben podería converterse no futuro nun centro de desenvolvemento tecnolóxico.
Pola súa banda o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, salientou o feito de que “José Nogueira lembrárase de Ribadeo para ter o marco axeitado para esta conferencia do 17 de setembro”, un marco de celebración que permitirá “ver a importancia que teñen estes temas de actualidade porque estamos diante dunha nova gran revolución” e, en consecuencia, dun “debate aberto sobre o regulamento destes vehículos e o seu uso e de como poden ser bos para a nosa sociedade”.
José Nogueira, pola súa banda, detallou que “para esta conferencia contamos coa colaboración de expertos no que foi o desenvolvemento de drons en España a través de Marco Ruano que traballa na Universidade Carlos III de Madrid e no grupo Airbus Defensa, e Javier Barcala que traballa en Indra, empresa elixida para desenvolver o proxecto de drons en Galicia impulsado pola Xunta”.
Nogueira dixo que “o contexto é puramente divulgativo e de coñecemento”. O obxectivo, engadiu, é darlle a coñecer á xente información a cerca “do que son os drons”, os retos tecnolóxicos que hai na contorna e os retos sociais aos que nos enfrontamos coa incorporación de todos estes elementos aeronáuticos.
Ribadeo acolle en setembro un encontro estatal de expertos en drons
Compartir Este Artigo

