O Concello de Ferrol segue adiante cos seus encontros con entidades, empresas e profesionais para impulsar na contorna o emprendemento, a innovación e a empregabilidade. Se hai uns días falabamos da súa xuntanza cos creadores do xogo para trebellos Glitch, hoxe mesmo estreitou ligazóns coa Asociación TIC Ferrolterra. Na reunión participaron a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Sestayo, e o presidente da dita entidade, Pablo Rivera Somorrostro. No encontro avanzouse no traballo de plans e accións encamiñadas a apostar pola innovación en Ferrol.
A reunión inseriuse no programa de encontros que está a manter a edil co fin de desenvolver accións conxuntas que fomenten e aproveiten o potencial de Ferrol para a instalación de novas empresas do eido tecnolóxico.
Sestayo avanzou que “se están a dar pasos de cara á posta en marcha neste mesmo ano dunhas xornadas sobre novas tecnoloxías e empresas TIC na cidade”, para o que recabou a opinión e suxestións do responsable da Asociación TIC Ferrolterra.
Segundo fixo saber a concelleira, “Ferrol ten un inmenso potencial no eido da innovación e das novas tecnoloxías e dende o Concello imos traballar dende a área de promoción económica neste sector”. Tamén sinalou que seguirán adiante as reunións con empresas e emprendedores tanto da comarca como de fóra “que poidan estar interesadas en instalarse na nosa cidade”.
O Concello de Ferrol e a Asociación TIC comezan a perfilar unhas vindeiras xornadas dixitais
Compartir Este Artigo

