Os creadores do xogo Glitch amosan a súa experiencia perante o Concello de Ferrol
venres, 2 de setembro do 2016
- Os desenvolvedores de Glitch nunha foto recente publicada en Ferrol360
O
Concello de Ferrol quere achegar un escenario local propicio para a
creación de novo (e innovador) emprendemento. Ou sexa, para que a
mocidade teña ao seu dispor os recursos precisos para converter as
súas ideas tecnolóxicas e de coñecemento en realidades. Para ir
impulsando esta liña de traballo, a concelleira de Promoción
Económica, Beatriz Sestayo, vén
de iniciar unha rolda de contactos con empresas e con emprendedores
ligados ás novas tecnoloxías da información. O obxectivo,
amais do devandito, é impulsar o desenvolvemento económico de
Ferrol en novos nichos de mercado.
A
primeira xuntanza celebrouse este luns co emprendedor Giuseppe
Caminiti, quen, en colaboración con David García, vén de lanzar o
seu primeiro videoxogo para Android, Glitch,
que
durante o seu primeiro mes de vida na Play Store foi quen de chegar
ás 1.300 descargas e á cifra de 600 usuarios activos en España,
Italia, Estados Unidos ou China.
Beatriz
Sestayo salientou na xuntanza que “se vai apostar pola innovación,
vendo as numerosas posibilidades de crear emprego e de investir en
I+D+i” e nas novas tecnoloxías”. Ao fío do devandito tamén
destacou que se irán mantendo reunións con numerosos emprendedores
e empresas para recabar as súas suxestións e “ir ultimando un
proxecto integral”.
A
día de hoxe, lembrou, estase a traballar na
organización dunha xornada informativa sobre novas tecnoloxías e
empresas no ámbito das TIC.