Este mes de setembro a firma galega SIVSA, responsable de importantes desenvolvementos informáticos como Fenix (software de xestión clínica na nube para médicos e clínicas de pequenas dimensións) e Hosix (innovador sistema para a xestión e a información hospitalaria) vai participar por segunda vez consecutiva na Convención Internacional de Produtos para a Saúde e Ciencias, Tecnosalud. Esta feira, informa SIVSA, atópase na súa décima edición e representa o evento máis especializado no sector do medicamento e a saúde en Perú. Agárdase que a cita xunte máis de 35.000 asistentes entre os que se atoparán médicos de todas as especialidades, xefes de compras de entidades de saúde e directores de saúde.
SIVSA estará presente durante toda a súa duración a cal será os días 22, 23 e 24 de setembro no Palacio de Belas Artes, en Arequipa, con horario de 10:00 a 21:00 horas na caseta número 128. Ademais, SIVSA dispón de convites de balde para todo aquel interesado en acudir.
SIVSA acudirá como empresa especializada no sector da sanidade abranguendo temas de deseño e desenvolvemento de sistemas, mantemento, investigación e innovación tecnolóxica. “A feira”, informa a empresa galega, “permítenos amosar os nosos produtos máis importantes como Hosix, sistema de Xestión e Información Hospitalaria de doado uso que contempla todas as áreas de actividade do ambiente da saúde co que xa traballan os hospitais Alberto Leopoldo Barton Thompsony en Callao e Guillermo Kaelin de la Fuente en Villa María del Triunfo; e Fenix, software de xestión clínica na nube”.
SIVSA leva as súas tecnoloxías á gran feira da eSaúde de Perú
Compartir Este Artigo

