SIVSA revoluciona a xestión dos centros médicos co seu software Fenix

martes, 13 de outubro do 2015 Redacción

Fenix é un software de xestión clínica na nube de raizame galega, especialmente pensando e optimizado para médicos e clínicas de pequenas dimensións. A plataforma foi desenvolvida por SIVSA, empresa galega referencial en solucións informáticas para a saúde, con máis de 25 anos de experiencia e presenza en máis de 30 hospitais en seis países diferentes. Con Fenix, informan os responsábeis de SIVSA, podemos controlar e axilizar de maneira rápida e intuitiva los procesos que se levan a cabo nas clínicas. Todos eles son centralizados en Fenix, dende a chamada para solicitar unha cita até a facturación dos servizos (tanto ao propio paciente como a unha aseguradora).
“Trátase dunha ferramenta moi práctica e moi útil”, afirma o doutor Alfredo G. Allut (xefe do Servizo de Neurociruxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), logo de ter probado Fenix. Segundo comenta, “con esta plataforma podes xestionar toda a información clínica en calquera lugar e a un só clic, trátase dunha tecnoloxía moi recomendable e satisfactoria”, afirma o doutor G. Allut.
Malia que toda a xestión da clínica faise dende a mesma aplicación, Fenix define dous tipos de usuarios, o médico e o administrativo, centrados en funcionalidades diferentes. O usuario administrativo encárgase da creación de pacientes, a xestión das citas, a axenda e o calendario da clínica, así como de todos os procesos de facturación.
Por outra banda, o médico, con independencia de que delegue nun administrativo estas funcións, pode acceder a elas en todo intre. Pero, de xeito adicional, conta con funcionalidades específicas do seu rol, tales como:
· Xestión de axendas médicas.
· Rexistro do diario clínico.
· Xestión e automatización de exames e enquisas clínicas.
· Emisión e sinatura electrónica de receitas.
· Creación de modelos (plantillas).
· Xestión e sinatura electrónica de informes.
· Historia clínica electrónica.
· Normalización da información, codificación CIE-10 e medicamentos aprobados pola AEMPS.
· Integración con aseguradoras.
· Control automático da facturación.
· Migración de datos e exportación da información clínica.
· Soporte en liña.
· E moitas máis funcionalidades que axudarán a xestionar as actividades da clínica.
O que se pode facer con Fenix
Segundo informa SIVSA, pódese facer basicamente todo con Fenix. A nivel xeral, con Fenix non se precisa de ningún software adicional para a xestión dunha clínica, e posto que se atopa aloxado en Azure, a nube de Microsoft, é accesíbel dende calquera recanto e con todas as medidas de seguridade necesarias para tratar con datos sensíbeis, “xa que a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) confirmou as garantías dos servizos corporativos de Microsoft na Nube para a exportación de datos”, explican dende a firma galega. Ao fío disto, Gonzalo Díe, director xeral do Sector Público de Microsoft, afirmou que “Fenix tira proveito de todas as vantaxes da nube de Microsoft para ofrecer aos profesionais da sanidade unha solución integral e que permite xestionar de maneira eficiente os procesos das clínicas do día a día”.
Lembrar que Fenix utiliza Azure e a Web para a xestión clínica, movéndose do modelo baseado en software empaquetado ao modelo SaaS para o sector saúde, especialmente dirixido a clínicas pequenas con persoal de TI limitado.
O que me ofrece Fenix
Fenix é totalmente personalizábel, ofrecendo diversos plans en función das nosas necesidades. “Porén”, sinala a empresa, hai marxe de abondo para un labor óptimo de adaptación. Así, en caso de que ningún dos plans propostas se chegase a axustar ao que busca exactamente o cliente, “sempre pode adaptalo de maneira específica ao número de usuarios que precise”. Con todo, engade SIVSA, o máis importante é que Fenix ofrece un primeiro mes de proba gratuíta e totalmente funcional. É dicir, podémonos dar de alta dende xa e sen necesidade de achegarmos ningún dato bancario e sen ningún tipo de limitación. Para máis información, cómpre visitar www.getfenix.net.

PUBLICIDADE