Os usuarios de equipos informáticos de Apple pode xa descargar a última versión do sistema operativo da compañía da mazá, macOS Sierra, que como principal novidade ten a incorporación do asistente de voz Siri ao Mac. O sistema operativo tamén avanza na integración con iCloud e outros trebellos de Apple, seguindo a tendencia á converxencia entre macOS e iOS conseguindo que os usuarios fieis ao ecosistema de Apple teñan unha experiencia de uso máis uniforme entre os seus distintos dispositivos.
Os usuarios poden agora facer uso de Siri no ordenador para mandar mensaxes, crear recordatorios, buscar na Internet… podendo engadirse aos resultados de Siri ao Centro de Notificacións (para consultalos en calquera momento) e incluso pedir a Siri que busque arquivos, configure axustes e amose información do sistema.
Outras novidades de macOS Sierra é o portapapeis universal (permite copiar texto, imaxes e vídeo entre un dispositivo e outro), conta con desbloqueo automático (de xeito que se un usuario leva un Apple Watch posto poderá iniciar sesión automaticamente no seu equipo), aproveita iCloud para permitir que os arquivos no Escritorio ou no cartafol de Documentos do ordenador estean dispoñibles dende o iPhone, permite empregar o almacenamento en iCloud para aforrar espazo no equipo de escritorio, as aplicacións poden organizarse no escritorio mediante pestanas, as fiestras de vídeo de Safari ou iTunes poden trasladarse ao escritorio para poder seguir vendo ese contido mentres se empregan outras aplicación (ou clásico Picture-in-Picture que teñen moitos televisores) e unha importante renovación da aplicación de Mensaxes (que agora conta con vista previa de ligazóns web, reprodución de vídeo sen saír da conversa, emoticonas ata o triplo de grandes, adhesivos…).
Algunhas funcionalidades dependerán do país, de xeito que, por exemplo, polo momento en España carecemos de Apple Pay, servizo de pagamento centrado no móbil, que con macOS Sierra ábrese a certas páxinas web.
Xa está dispoñible macOS Sierra
Compartir Este Artigo
