Á hora de publicar contidos nas redes sociais de xeito profesional é preciso organizarse e mudar certos hábitos para poder trasladar a actividade comercial dun xeito efectivo, problemática que abordará a experta en redes sociais Mapi Báez nunha charla que impartirá mañá de 20:00 a 21:30 horas no espazo de coworking WeKCo, na Avda. Novo Mesoiro da Coruña.
O obxectivo desta actividade formativa é instruír en como traducir os obxectivos en accesións nas redes sociais, como organizarse para que dea tempo a todo e coñecer varias ferramentas sinxelas, de balde e/ou de baixo custo que poden empregarse para tal fin. Tamén coñeceranse o tipo de contidos que mellor funcionan en cada plataforma e como adaptalos á estratexia que pretende seguirse. Todo isto farase dun xeito moi práctico, contándose tamén cunha quenda de preguntas para clarexar dúbidas e afondar en detalles que os asistentes estimen oportunos.
Esta charla está dirixida a profesionais independentes, autónomos, empresarios, traballadores en activo ou persoas con proxectos empresariais ou na procura de oportunidades laborais que queiran optimizar o seu traballo en redes sociais, estando aínda aberta a inscrición a esta actividade completamente de balde.
A organización das publicacións en redes sociais será o obxecto dunha charla na Coruña
Compartir Este Artigo
