Ineo, alianza galega de empresas TIC, ten a partir de mañá unha das súas grandes citas da tempada (a partir das 16.30 na sede de AFundación no 24-26 da rúa Policarpo Sanz de Vigo). Trátase de dúas xornadas (xoves e venres) destinadas a convocar profesionais galegos do sector tecnolóxico que traballan no estranxeiro para que nos conten as súas experiencia, plans de futuro e posibilidades de colaboración coas empresas postas en marcha na nosa terra. O evento abrolla directamente do programa Talento.gal, posto en marcha por Ineo. O foro de networking que comeza mañá, máis en detalle, “conectará” cos integrantes do noso tecido TIC un total de 16 profesionais galegos lonxe da súa terra. Todos teñen en común a súa pertenza ao sector tecnolóxico-dixital e o feito que ocupan postos destacados en empresas tecnolóxicas de referencia a nivel internacional.
Segundo informa Ineo, a través deste encontro poderán compartirán as súas experiencias, plans de futuro e posibilidades de colaboración con empresas de Galicia.
O obxectivo do foro é “crear sinerxías e aproveitar ao máximo esa rede de contactos de alto nivel que supoñen os profesionais galegos no exterior”. Trátase, explica Ineo, “de orientar ás firmas da nosa Comunidade para que coñezan en que traballan aqueles nas súas respectivas compañías e que colaboracións poderían propor”.
Segundo engade a asociación TIC, “son moitos os eidos nos que se poden establecer sinerxías”. Por exemplo, o networking podería supor unha porta de entrada a investigadores que buscan empresas para pór en mercado as súas solucións, “xa que por este vieiro abriríase un camiño para chegar a firmas de terceiros países con moito máis percorrido neste ámbito”.
Ineo tamén engade que a súa longa experiencia reveloulle que o sector tecnolóxico galego está “amplamente presente no mundo”. Nesta primeira edición, emporiso, Talengo.gal centrarase no sector TIC, aínda que aspira a ampliarse en datas vindeiras a novas citas e a novos eidos de actividade.
Entre as firmas que representan os profesionais que se darán cita desde mañá en Vigo atópanse Microsoft, Warner Music, Visa, Siemens, Orange, Cern, Telefónica USA ou Vasco Data Security.
Talento.gal
Talento.gal é unha contribución de Ineo que conta co apoio do IGAPE, da Xunta de Galicia e dos fondos europeos FEDER. Trátase dunha iniciativa de longo alcance que busca abrirse a outros axentes, alén do empresariado: universidades que queiran manter o contacto cos seus alumnos, colexios profesionais que queiran identificar onde están os seus profesionais máis recoñecidos, administracións públicas que desexen facer seguimento a circulación do talento… Dito doutro xeito: que se converta nun observatorio do talento galego a nivel mundial e unha rede de intercambio de experiencias.
Talento.gal é unha das iniciativas programadas con motivo do X Aniversario de Ineo. A asociación organiza tamén mañá un acto de celebración para conmemorar este dez anos de vida, que servirá ademais para presentar á súa nova xunta directiva. Esta cita, na que participa o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reunirá a empresarios e emprendedores do sector tecnolóxico, autoridades, e unha ampla representación institucional e do tecido económico e social galego. Terá lugar, tamén, na sede de AFundación este xoves 6 de outubro, ás 19.30 horas.
Ineo convoca a partir deste xoves os talentos galegos no exterior para que nos amosen as súas experiencias
Compartir Este Artigo

