Dende finais do ano pasado dende España está bloqueado o acceso á páxina web Rojadirecta como medida cautelar ordenada polo Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña, onde hoxe mesmo comeza o xuízo contra a empresa do galego Igor Seoane, Puerto 80 Projects, que enfróntase a Mediapro, entidade que ostenta os dereitos de explotación da Liga española de fútbol (aínda que paralelamente tamén se desenvolverá outra causa coa que DTS busca defender os dereitos doutras competicións deportivas).
Esta causa naceu no Xulgado do Mercantil nº 11 de Madrid, onde considerouse en agosto de 2015 que Rojadirecta estaba a infrinxir os dereitos audiovisuais de Mediapro e DTS ao facilitar o acceso aos partidos de fútbol aos usuarios da Internet, considerándose tamén que a páxina web incorría en competencia desleal.
Agora, no xuízo coruñés, escoitaranse 3 testemuños: un coordinador de produción e un representante das casas de apostas que se anunciaban en Roja directa (ambos a proposta de Mediapro) e un perito (que sosterá que a páxina web nútrese das ligazóns que comparten os seus usuarios, de xeito que só tería un labor de intermediación).
Durante esta mañá o asesor contable de Puerto 80 Projects, Roberto Freire Freire, asegurou que os ingresos da empresa proceden na súa totalidade de casas de apostas e moveríanse entre 1 e 2 millóns de euros ao ano. Freire asegurou que, segundo se lle deu a coñecer, os ingresos son “unha especie de participación (nas cantidades) que xeran para as casas de apostas os clientes que se rexistran nelas a través das webs de Rojadirecta”.
O xuízo podería levar ao cesamento definitivo da actividade de Rojadirecta no territorio español, aínda que fóra do Estado o servizo permanece activo e, de feito, resulta relativamente doado acceder á web dende España a través de proxies, redes privadas virtuais ou incluso da propia copia na caché de Google.
ACTUALIZACIÓN: A
xuíza do xulgado coruñés deixou
o caso visto para sentenza tras catro horas de xuízo sen que os demandantes
solicitaran indemnización económica a Rojadirecta no caso de que quedase
probado que se incumpriu a Lei, pero si o cesamento de publicar ligazóns a
contidos sobre os que teñen dereito. Agora a titular do xulgado deberá dirimir
se Rojadirecta cometeu delito algún ao achegar ligazóns a contidos audiovisuais
obtidos irregularmente e determinar se os subministraban os usuarios da web ou
o seu administrador.
A defenda de Puerto 80 Projects, pola súa banda, solicitou a desestimación da
demanda con imposición de costas para a parte contraria. O avogado da defensa
tamén destacou que a acusación non acreditou debidamente a súa lexitimidade
para demandar a Rojadirecta e tamén sostivo que os ingresos de Puerto 80
Projects non proveñen das ligazóns a retransmisións deportivas, senón de casas
de apostas, polo que non podería considerarse que a publicación de ligazóns
sexa unha actividade emprendida con ánimo de lucro.
