Pese a ter chegado a un acordo para mercar Yahoo por 4.400 millóns de dólares, Verizon podería cancelar a operación, xa que a reputación da compañía en venda está actualmente en mínimos históricos despois de recoñecer o roubo masivo dos datos persoais dos seus usuarios, incidente do que Verizon non recibira información, polo que para continuar coa compra estarían a pedir unha rebaixa duns 1.000 millóns de dólares segundo publica o New York Post.
A filtración de 500 millóns de credenciais de usuarios é algo o suficientemente grave como para afundir a unha compañía como Yahoo, que hai tempo que perdeu o tren, e que incluso manexou moi mal a comunicación dun fallo de seguridade que tivo lugar hai preto de 2 anos. Entre os argumentos de Yahoo, nun intento de tranquilizar aos usuarios, comentábase que o ataque que padeceron fora patrocinado por un goberno, ao que expertos de seguridade contestar de xeito bastante abrupto, manifestando que non había nin a máis mínima evidencia de tal cousa.
Para botar máis leña ao lume, esta semana desvelouse que Yahoo estaría a colaborar coas autoridades analizando os correos electrónicos dos seus usuarios na busca de pistas que puideran levar a terroristas, o que tamén creou un grande malestar.
Estes acontecementos están a facer que Verizon non só dubide do prezo que estaba disposta a pagar por Yahoo, senón tamén da propia operación, e aínda que dende Yahoo estean a ofrecer resistencia ante os intentos de renegociación do seu acordo de compra, cómpre destacar que Verizon podería argumentar sentirse enganada por Yahoo (pola ocultación de información), de aí que esteamos ante unha situación complexa, que posiblemente se resolva antes de dentro dun par de semanas (cando está prevista a vindeira xuntanza da directiva de Yahoo). O argumento da rebaixa de 1.000 millóns de dólares por Yahoo sería o establecemento dun fondo para poder facer fronte aos posibles problemas que xurdan dos fallos de seguridade feitos públicos.
Verizon rebaixa a súa oferta por Yahoo en 1.000 millóns de dólares
Compartir Este Artigo
