Máis de 120 profesionais da nosa terra teñen esta fin de semana vindeira unha cita coa formación tecnolóxica avanzada da man de Vitae Consultora, compañía galega especializada no sector TI e, en boa medida, en impartir coñecemento e recursos sobre as principais ferramentas, contornas, metodoloxías e linguaxes da vangarda dixital. O labor formativo desta fin de semana terá varias frontes e desenvolverase en Galicia e Madrid. Son un curso sobre Xestión Multiproxecto (que avanzamos os días pasados dende Código Cero en todos os seus detalles), outro sobre metodoloxías de predición de xestión de proxectos TI como PMI e outro centrado en metodoloxías áxiles en xestión de proxectos como Scrum ou Scrumban.
Tamén se van desenvolver obradoiros avanzados sobre metodoloxías para facilitar nos departamentos de recursos humanos a avaliación e selección de profesionais das novas tecnoloxías (e tamén de ámbitos alleos, non dixitais), outro sobre programación avanzada con AngularJS 2 e outro sobre tecnoloxías Big Data (información masiva) e as súas aplicacións para os negocios.
Esta formación diversa e multitemática, sinala Vitae, será impartida a empresas e multinacionais referenciais a nivel galego, estatal e mundial e, tamén, a profesionais particulares do sector TIC, ademais de aos máis prestixiosos centros de investigación e tecnolóxicos de Galicia.
Entre as/os encargadas/os de impartir estes contidos avanzados e innovadores atópanse formadoras/es de primeiro nivel de longa e comprobada traxectoria, como por exemplo José Luís Benito Igualador, Carlos González Jardón, Josefina Alonso Nocelo, Alberto Basalo, Guillermo López Taboada, Jorge Docampo e Marcos Carbonell.
Vitae xa formou a máis de 8.000 profesionais nestes 10 anos de andaina profesional de seu, dos cales 1.900 foron introducidos de cheo en metodoloxías e habilidades en dirección e xestión de proxectos na nosa Comunidade. “A misión de Vitae”, sinalan dende a compañía galega, “é a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector TI poñendo o foco nos aspectos tecnolóxicos pero tamén, e sobre todo, nos aspectos humanos e organizativos, é dicir, no lado humano da tecnoloxía”.
Vitae formará esta fin de semana a máis de 120 profesionais das novas tecnoloxías
Compartir Este Artigo

