Vitae amosa como sermos máis eficaces na xestión de múltiples proxectos

xoves, 29 de setembro do 2016 Redacción

Vitae Consultores presentounos estes días unha nova actividade formativa de seu destinada a facilitarnos o noso xeito de traballar en iniciativas de desenvolvemento, incrementando ao máximo a eficacia e a rendibilidade. Trátase do Curso Xestión Multiproxecto: Onde as metodoloxías de predición e áxiles non chegan (PDF). O obradoiro, que terá unha duración de 20 horas, desenvolverase na Coruña (Hotel Attica 21) os venres e sábados 21, 22, 28 e 29 de outubro. Segundo informa Vitae ao propósito das razóns para proporcionar este curso aos nosos profesionais, a idea é facer máis eficaz e doado todo o que ten que ver coa responsabilidade dos mesmos sobre varias liñas de traballo a realizarse maneira simultánea, unha práctica por outra banda cada vez máis habitual nas nosas empresas.
“Esta simultaneidade”, engade Vitae, “fai que a xestión de cada un dos proxectos adquira meirande complexidade, ao que cómpre engadir a confluencia dos mesmos e a consecuente aparición de aspectos que non aparecían en contornas mono-proxecto”. Este curso está pensado, precisamente, para aprendermos a tratar estas complexidades. E facelo, ademais, de xeito sistemático e controlado, “evitando así que a confluencia de varias iniciativas a desenvolver sexa determinante de máis dificultades cás que poida ter cada proxecto en si mesmo e de maneira illada”. Segundo explica Vitae, “coñecendo os obstáculos engadidos e a metodoloxía para afrontalos, a xestión multiproxecto non será causa de descontrol nin de adiamentos adicionais nas tarefas a desenvolver”.
Punto por punto, estes son os obxectivos do obradoiro: entender e colaborar na elaboración de programa de proxectos e orzamentos, priorizar proxectos e actividades, aplicar unha metodoloxía de xestión multiproxecto, optimizar o emprego de recursos compartidos, realizar a axeitada coordinación de iniciativas e asegurar unha información adecuada sobre os proxectos aos clientes (especialmente cando para un mesmo cliente lévanse a cabo varias iniciativas).
O obradoiro vai dirixido sobre todo a directores de operacións, xefes de proxectos, xerentes relacionados con operacións, responsábeis de oficina de proxecto, responsábeis de oficina de calidade e metodoloxía, coordinadores de equipos de persoas con participación en múltiples proxectos, responsábeis en áreas de negocio da supervisión e control das diferentes liñas de traballo, etc.
Os contidos serán impartidos por José Luis Benito Igualador, licenciado en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid e con máis de 35 anos de experiencia en relación coas comunicacións e as TIC, área esta última na que desenvolveu o seu traballo tanto en labores de desenvolvemento e integración de sistemas como nas de explotación e nas de organización, planificación, estratexia e calidade.

PUBLICIDADE