Durante a presentación do iPhone 7 Plus sorprendeu o feito de que un dos detalles diferenciais do trebello, a súa dobre cámara traseira, non puidese aproveitarse totalmente tras o seu lanzamento xa que as funcións da aplicación de cámara que daban máis xogo aínda estaban a desenvolverse, e habería que agardar para poder así espremer como é debido este terminal móbil, o que por fin é posible, xa que o iPhone 7 Plus por fin recibe a actualización a iOS 10.1, de xeito que a súa cámara xa conta en probas co efecto de profundidade de campo.
O efecto en cuestión actívase ao colocar o disparo da cámara en modo Retrato, e o sistema aproveita que o móbil ten dous obxectivos traseiros para, mediante tecnoloxía de intelixencia artificial, recoñecer a distancia dos obxectos que ten diante, para amosar enfocados os que estean en primeiro plano e desenfocar (mediante software) o fondo, de xeito que conséguese un efecto semellante ao das cámaras profesionais.
Aínda que estamos ante un efecto que dista moito de ser perfecto (xa que non se consegue mediante un efecto óptico, senón por software, o que poder percibirse ao ampliar moito a imaxe fixándose en elementos moi específicos) os resultados son o bastante aparentes como para impresionar á meirande parte de usuarios, confiándose en que en sucesivas actualizacións vaia mellorándose o efecto, non só para que resulte máis realista, senón tamén á hora de funcionar nun maior número de casos (xa que o efecto está optimizado para retratos humanos, pero pode ter moitos máis usos).
iOS 10.1 tamén inclúe moitas correccións de erros de sistema atopados nas últimas semanas, mellor a reprodución de cor na aplicación de Fotos, estrea mapas de transporte público de Tokio, Osaka e Nagoya, introduce novas opcións da aplicación de mensaxes e outras pequenas novidades.
O iPhone 7 Plus por fin conta con modo Retrato
Compartir Este Artigo
