Para facilitar información acerca dos 4 artistas aos que Ainé Producións representa de xeito exclusivo vén de estrear cadansúa páxina web na que podemos atopar as súas biografías, datas de actuacións de todos os seus espectáculos, novas fotografías, ligazóns ás súas redes sociais… espazos que resultan de grande utilidade para os seus seareiros, xa que permiten dun xeito áxil poder coñecer máis das súas persoas e, especialmente, saber o que están a facer actualmente no audiovisual e no teatro.
Os artistas dos que falamos son, en concreto, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Federico Pérez e Pepo Suevos, que contan agora en espazos web baixo os dominios touriñan.gal, marcospereiro.com, fede.gal e peposuevos.com respectivamente, destacando o feito de que dúas destas novas páxinas web gocen dun dominio .gal (como xa leva facendo a propia Ainé dende hai meses).
Queremos saber onde poderemos ver os espectáculos de Curtis e Teixeiro ou O monólogo do imbécil? Ver a obra de teatro O Tolleito? Localizar o vindeiro monólogo de Pepo Suevos? Ou atopar todos os episodios de Era Visto para velos á carta? Pois estas novas páxinas web achegan esta información dun xeito moi visual que incluso esta adaptado a dispositivos móbiles para podermos estar sempre ao día da actividade destes artistas de referencia en Galicia.
ACTUALIZACIÓN (3-11-2016): Dende Ainé comunican que as páxinas web de Pepo Suevos e Marcos Pereiro xa contan con cadanseu dominio .gal.
Touriñán, Marcos Pereiro, Fede e Pepo Suevos estrean cadansúa páxina web
Compartir Este Artigo
