A Deputación da Coruña presentou este xoves os últimos avances da provincia en materia de Administración Electrónica. A cita (cos medios, cos representantes dos concellos) foi na sede da entidade e serviu tamén para dar a coñecer as novidades lexislativas referentes ao eido dixital e as tramitacións e comunicacións que poden facer a través deste ámbito. O foro foi inaugurado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o deputado de Economía, Facenda e Persoal, Antonio Leira, e contou coa presenza de alcaldes e técnicos municipais de 72 concellos coruñeses. No encontro, amais de dar a coñecer os novos detalles TIC da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas, fíxose saber que a Deputación tramitou o ano pasado máis de 60.000 expedientes de forma cen por cen electrónica.
Segundo sinalou González Formoso, estas e outras cifras son froito “do firme compromiso” da Deputación a prol “da eficiencia e da transparencia”. Este compromiso, dixo, supón para a institución “un esforzo en cada exercicio de tres millóns de euros”, un investimento que se destina a dar soporte nesta implantación aos 93 concellos da provincia e que se traduce en cousas como a solución tecnolóxica integral específica achegada pola Deputación. Unha solución, sinalou o presidente provincial, “que garante a intercomunicación entre todas as administracións locais da provincia e que abrangue todos os procesos esenciais para guiar e axudar aos concellos coruñeses na transformación dixital”.
Pola súa banda, as novidades da devandita lei foron despregadas deputado de Facenda, Antonio Leira. Estes cambios, sinalou, contemplan novas obrigas, como a provisión de arquivos electrónicos, garantir o dereito á información e a transparencia ou pór en marcha sedes electrónicas. Medidas, engadiu, “que o conxunto de responsables e profesionais que compoñemos a administración local debemos asumir como un reto de cara a liderar o proceso de creación dunha institución mais moderna, eficiente, accesible e coordinada”,
A Deputación, no marco da xornada cos concellos, tamén lembrou que arestora xa tramita todas as súas liñas de subvencións a concellos e entidades e os seus plans de investimentos nos consistorios “de maneira integramente dixital, con cero papel”. Isto, engadiu o presidente, “permite a redución de tempos na tramitación, o aforro de tempo e diñeiro aos solicitantes e ao erario público e unha maior transparencia na xestión”.
A Deputación da Coruña tramitou nun ano máis de 60.000 expedientes pola vía dixital
Compartir Este Artigo

