A Xunta está a organizar un ciclo de xornadas técnicas sobre o programa Reacciona TIC. O ciclo vai dirixido a informar ás empresas galegas sobre as vantaxes que se abren coa transformación dixital e a Industria 4.0: oportunidades de desenvolvemento e tamén de uso (máis eficiencia, máis eficacia, máis rendibilidade, menores custes de fabricación, etc). Reacciona TIC, como lembraremos, foi posto en marcha para facilitar ás nosas PEME recursos tecnolóxicos que incrementen a súa competitividade. As sesións darán comezo ás 19.00 horas e contarán coa presenza de empresas que xa comezaran procesos de afianzamento no eido 4.0, dando a coñecer as súas experiencias. As bases da iniciativa son, como dixemos, a empresa dixital e a Industria 4.0.
O programa vén da man do IGAPE e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As xornadas técnicas do programa Reacciona TIC desenvolveranse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o próximo martes, 15 de novembro; en La Molinera, Ourense, o día 17; na sede da CEC, na Coruña, o día 22; no Cei Nodus de Lugo, o 23 de novembro; e na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, o 24 deste mes.
Axudas de Reacciona TIC
O DOG publicou o pasado 26 de outubro as bases reguladoras do Reacciona TIC, coas axudas para “desenvolver un amplo catálogo de servizos e así facilitar o impulso da empresa dixital e da incorporación de solucións propias da Industria 4.0 nas PEME galegas”. Concretamente, dende o 31 de outubro e durante un mes fica aberta a primeira convocatoria do programa. Logo, están previstas sucesivas edicións en decembro deste ano e en xaneiro e marzo do ano vindeiro. As solicitudes presentaranse de forma telemática na web do IGAPE, e os servizos seranlles facilitados ás PEME beneficiarias por axentes colaboradores especializados.
Empresa dixital
No ámbito da empresa dixital, o programa ReAcciona TIC facilitará a prestación de servizos avanzados orientados a promover a dixitalización. En palabras de AMTEGA, “comezarase pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa”. As empresas beneficiarias poderán acceder igualmente a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores, ou para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial.
Industria 4.0
Ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o catálogo abrangue servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. A idea é permitir que as PEME accedan “asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0”.
Reacciona TIC colle pulo cun ciclo de xornadas técnicas para fortalecer a competitividade das nosas PEME
Compartir Este Artigo

