A Cámara de Comercio de Santiago organiza o vindeiro martes, 22 de novembro, un obradoiro de xestión do comercio destinado a impulsar a venda en liña entre o empresariado local. A actividade, que se desenvolve baixo epígrafe O marketing das grandes marcas aplicado ao comercio minorista (PDF), é de balde con previa inscrición. Celebrarase no salón de actos da sede cameral, na rúa San Pedro de Mezonzo, entre as 16:00 e as 20:00 horas. O taller, dirixido sobre todo a autónomos, microempresas, PEME, empregados e emprendedores do sector comercial minorista, estará impartido polo consultor e formador en mercadotecnia, José Picado Carballeira.
O obxecto do obradoiro, en palabras da organización, é dar a coñecer as técnicas actuais de mercadotecnia e facilitar o seu uso ao comercio e establecementos comerciais minoristas. Tamén se amosarán ao detalle técnicas de posicionamento web e metodoloxías para a comunicación 360 graos, para as redes sociais e para as novas aplicacións baseadas en Big Data (xestión de información masiva).
Comentaranse casos de éxito, principalmente do sector téxtil, de agasallo e hostaleiro, tanto de cadeas como de puntos de venda individuais. Ademais, expoñeranse e debateranse as accións máis relevantes utilizadas con éxito ao traducirse en vendas, e aquelas que non o foron tanto.
Esta actividade forma parte do Plan do Comercio Minorista, posto en marcha polas Cámaras de España e a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER).
A Cámara de Comercio de Santiago achega aos comerciantes locais á venta en liña
Compartir Este Artigo

