
Para expoñer nos seus detalles este escenario de risco potencial, o centro tecnolóxico galego lembra casos como os recentes ataques de denegación de servizo (DDoS) a gran escala que se produciron o pasado mes de outubro: por unha banda o dirixido á páxina do investigador Brian Krebs e, despois, varias ondas de ataques a DYM, que provocaron o “enorme apagamento” de servizos tan populares como Twitter, PayPal, Etsy, Github, Spotify, Shopify, Netflix e incluso PlayStation Network. Estes ataques, que foron obxecto xa de varias investigacións e análises por parte de expertos convocados polo Congreso dos Estados Unidos, serviron entre outras cousas para lembrar ás administracións, ás empresas e aos usuarios TIC en xeral que xa non está en xogo unicamente a seguridade da nosa identidade ou de certos datos persoais, en palabras de Gradiant “están en xogo todos os datos de consumo e comportamento”.
Amais de todo o mencionado, o centro galego fai fincapé nunha realidade actual incontestable: arestora as medidas de seguridade de fabricantes, integradores e usuarios “reveláronse insuficientes, cando non escasamente axeitadas en moitos casos”. Para Gradiant, as causas “son múltiples”, e debidas principalmente a varios factores: por unha banda para os fabricantes o ciclo de deseño, produción e avaliación dun produto é cada vez máis breve, o que en moitas ocasións ocasionou problemas de calidade e seguridade; pola outra, “existe unha grave carencia de especialistas correctamente formados en seguridade para redes e dispositivos IoT, tecnoloxías que se enfrontan, ademais, a problemas de estándares e compatibilidade que provocan que medidas de seguridade aplicables a uns aparellos non sirvan para outros”.
Para Gradiant, faise máis necesario ca nunca “apostar pola innovación en IoT dende un punto de vista holístico, xa desde a fase de deseño dun produto, servizo ou solución”. Cómpre, ademais, traballarmos para garantir a seguridade dos dispositivos IoT. En palabras de Juan González, responsable de Seguridade e Privacidade de Gradiant, “no desenvolvemento de dispositivos deben primar prácticas coñecidas como Security by Design”. Ou sexa, os requisitos de seguridade deben formar parte do desenvolvemento desde a fase de deseño. Segundo engade, “neste apartado de traballo deberán establecerse os controis de seguridade que permitan a prevención, a detección, a resposta e, en caso de fallo, a mitigación das consecuencias; por exemplo para evitar ataques de DDoS poderíase limitar, desde o deseño, o ancho de banda máximo que pode chegar a consumir un dispositivo”.
Intelixencia para innovar a Seguridade IoT
O centro galego tamén lembra que “é fundamental” adoptar boas prácticas que permitan previr, detectar e responder de maneira continua a potenciais ciberameazas. Este labor exhaustivo de seguimento é aplicable a múltiples exemplos de malware, por exemplo a ameazas como o botnet Mirai, cuxo código (o código preciso para levalo a cabo) ceibouse varias semanas antes. “É necesario o desenvolvemento de ferramentas automatizadas que permitan extraer datos das fontes axeitadas, como foros sobre hacking, procesar eses datos e xerar intelixencia que permita detectar ciberameazas”, engade o centro tecnolóxico, que explica que “para desenvolver estas ferramentas será imprescindible incidir en tecnoloxías clave, como as de análises de datos ou o Procesado de Linguaxe Natural (PLN), o Machine Learning ou o Deep Learning”.
Gradiant, referente
Como recordaremos, Gradiant está presente en foros e organismos de influencia no ámbito da seguridade e a ciberseguridade a nivel internacional, como ECSO (European Cyber Security Organisation) en calidade de membro fundador; ou RENIC (Rede de Excelencia Nacional de Innovación en Ciber Seguridade).
O percorrido do centro tecnolóxico galego en seguridade está avalado por poñer o desenvolvemento dun gran número de solucións seguras, aplicando os principios de Security & Privacy by Design. Solucións como as baseadas no procesado de datos en dominio cifrado (que permiten realizar análise mentres preservan a privacidade e identidade dos usuarios) que garanten o procesado de datos confidenciais de maneira confiable. Ou, tamén, solucións baseadas en cifrado homomórfico e módulos de seguride hardware (HSMs), que permiten realizar operacións na nube con datos cifrados.
Asemade, Gradiant tamén aplicou a paradigma do IoT (Internet das Cousas) seguro en escenarios reais, nos que a seguridade xoga un papel decisivo. Nesta liña, desenvolve tecnoloxías biométricas baseadas en recoñecemento facial, de sinatura ou de voz. Ademais, o centro traballa en tecnoloxías embarcadas en drons e UAV para evitar, por exemplo, o hackeo dos sinais GPS que guían os vehículos autónomos ou tripulados de maneira remota. Por outra banda, Gradiant tamén recorda que o procesado e a análise intelixente de vídeo que desenvolve permiten “automatizar e simplificar o seguimento e vixilancia en contornas complexas (por exemplo, vídeo vixilancia ou vídeo capturado en tempo real por drons ou UAV).
Gradiant aposta pola seguridade IoT dende o deseño para crear un ciberespazo mellor protexido
Compartir Este Artigo

