A ESEI de Ourense e Expourense veñen de convocar a décimo sexta edición do seu Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, un certame que ten a finalidade de afianzar as canles entre a investigación feita nos campus nos eidos da informática e as telecomunicacións, por unha banda, e os requirimentos do ámbito empresarial, pola outra. Asemade, lánzase coa finalidade complementaria de contribuír a esvaecer fronteiras de innovación con Portugal. O concurso servirá polo tanto para distinguir aos mellores traballos fin de estudos presentados por alumnado do eido tecnolóxico de ámbalas beiras da raia. O obxectivo final da iniciativa é “pór en valor o talento dos estudantes, impulsando o emprendemento e a competitividade para xerar novas oportunidades de emprego”.
O concurso, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e coa colaboración do IGAPE, tamén se dirixe, en palabras dos seus impulsores, “a sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de produción, axudando a facela máis competitiva”.
Segundo engade a organización, poden participar no certame alumnos e alumnas das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en dúas modalidades. A Modalidade A é para títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin de mestrado de mestrados oficiais relacionados co terreo das tecnoloxías da información e as comunicacións. A Modalidade B é para títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. Tamén haberá un Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente, dotado con 400 euros, no que poderán participar alumnos e alumnas das dúas modalidades.
En total entregaranse 1400 euros en premios. Os participantes deben cumprimentar un rexistro on line confirmando a súa participación, previamente ao envío físico da documentación, como data límite o 9 de decembro de 2016. Os proxectos deben ser presentados no rexistro da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, no Edificio Politécnico.
O acto de entrega dos premios terá lugar nesta escola superior do Campus de Ourense o xoves 15 de decembro.
A ESEI e Expourense lánzanse a procurar os mellores traballos de informática e telecomunicación
Compartir Este Artigo


