O Concello de Lugo deu a coñecer esta semana que xa está a traballar arreo na preparación do seu proxecto Smart City. O anuncio foi dado nunha xuntanza de traballo cos técnicos municipais destinada a coordinar tarefas entre os distintos departamentos e planificar o desenvolvemento desta iniciativa de xestión intelixente e sustentable, que como lembraremos foi dotada cun orzamento de 4,1 millóns de euros (o 60% de man do Goberno central e o restante de man do Concello). No dito encontro fixáronse os trámites a realizar por todas as áreas municipais implicadas no proxecto, que sacará a concurso en datas vindeiras o Ministerio de Industria. Tamén se fixo fincapé na aliñación de Lugo Smart City con outras estratexias que está levando a cabo Goberno local. Segundo informou a alcaldesa, con Lugo Smart City búscase en primeira instancia “integrar e involucrar á cidadanía nos procesos administrativos do Concello”.
O proxecto, engadiu, tamén se dirixe “a incidir na eficiencia para mellorar a prestación de servizos públicos locais con ampla repercusión no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC”. Estes son os restantes piares da iniciativa: transparencia para facilitar o acceso, consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e coordinación para axilizar o traballo entre as áreas municipais a través da integración de servizos intelixentes. Polo que se refire ás liñas de acción concretas, son (entre outras) as que citamos a continuación:
· Administración Electrónica.
· Posta en marcha dunha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais baseada no GIS para a xestión administrativa, económica, urbanística, ocupación da vía pública, infraestruturas e mobiliario urbano.
· Tarxeta intelixente.
· Portal de transparencia.
· Xestión intelixente do aparcamento cun sistema de guiado.
· Xestión de refugallos sólidos urbanos mediante o que se instalarán sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores.
· Xestión de eficiencia enerxética en 6 dependencias municipais.
· Xestión do alumeado público no entorno urbano e rural, con regulación de fluxo a través de dispositivos de control.
· Xestión dos colectores de auga.
· Posta en marcha dunha plataforma smart.
Lugo afianza os alicerces para a construción do seu proxecto Smart City
Compartir Este Artigo

