O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai desenvolver tres xornadas para divulgar ao máximo diversas axudas e recursos autonómicos dos que podemos botar man para inserir as nosas iniciativas empresariais na Sociedade da Información, tirando partido de todas as vantaxes que nos ofrecen as tecnoloxías dixitais. Máis en detalle, as tres xornadas difundirán as posibilidades do programa Re-acciona TIC, impulsado pola axencia e máis polo IGAPE. Haberá casos reais de éxito e presentacións de servizos. As sesións diríxense sobre todo a xerentes, responsables ou técnicos das áreas de comunicación ou mercadotecnia das empresas de calquera sector. Para participar nelas cómpre inscribirse na web do CDTIC, e a asistencia é de balde. As citas serán na Coruña, Santiago e Vigo. A asociación Ineo colaborara coa sesión da Coruña.
Este encontro divulgativo celébrase o 19 de decembro baixo o título Claves de marketing en liña para o teu negocio. Como trazar unha estratexia de marketing a través de Internet. Terá lugar na sede da Confederación de Empresarios, en horario de 19.00 a 21.00 horas. O obxectivo desta sesión é “formar os asistentes no uso a nivel profesional e de empresa de Internet e a súa páxina web para a comercialización de produtos e servizos”.O programa da xornada, que será impartida polo consultor de Toctocmedia e colaborador de EOSA Javier Varela, inclúe un relatorio que tratará as claves da mercadotecnia en liña para as empresas, ao que lle seguirá a presentación do servizo de promoción comercial dixital para PEME do programa Re-acciona TIC.
A segunda sesión desenvolverase o 20 de decembro en Santiago baixo o título Descubre o servizo de empresa dixital de Re-acciona TIC para PEME. Será na sede do CDTIC, en horario de 19.00 a 20.30 horas. O programa inclúe a presentación de catro servizos para a dixitalización empresarial ofrecidos polo programa Re-acciona TIC por parte das empresas encargadas de cada un deles: diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, a cargo de Estratega Consulting e Fundación CTIC; soporte para a adopción e o despregue de solucións en mobilidade, a cargo de Inova e Balidea; asistencia para a adopción de solucións dixitais innovadoras para a mellora da xestión empresarial, a cargo de Imatia, Cotesa e Conpas; e acompañamento na definición e a posta en marcha de estratexias de mercadotecia dixital, a cargo de Eosa e Esterea.
A sesión do 21 de decembro levarase a cabo na aula CeMIT de Vigo en horario de 19.00 a 20.30 horas baixo o epígrafe Descubre como o servizo Re-acciona TIC pode guiar a túa fábrica cara á industria 4.0. Presentaranse tres servizos para a industria 4.0 ao abeiro de Re-acciona TIC. Cada unha das presentacións correrá a cargo da empresa responsable de desenvolvelo. Así, Team & Time Solutions falará sobre o servizo de diagnose das capacidades e aplicacións das solucións de industria 4.0; Fundación CTIC Centro Tecnolóxico, da posta en marcha de solucións de industria 4.0; e Soltec Ingenieros, da xeración de modelos e simulación industrial.
As sesións de Santiago e Vigo presentan como engadido extra que serán retransmitidas por streaming para que as persoas interesadas poidan seguilas a través dun dispositivo con conexión a Internet desde calquera recanto de Galicia.
Tres xornadas empresariais desvelarán os recursos de dixitalización que nos ofrece Re-acciona TIC
Compartir Este Artigo

