A páxina web de Meteogalicia, www.meteogalicia.gal, vén de ser obxecto dunha serie de melloras para optimizar a información meteorolóxica e climática que achega o servizo. Así nolo conta hoxe a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que sinala que as melloras pasan basicamente pola introdución de novos contidos. Como por exemplo un apartado novo dende o que se achega o resumo dos valores extremos observados na velocidade do vento, precipitación, e temperatura máxima e mínima.
Esta información, sinala Medio Ambiente, estará dispoñible tanto para o día en curso como para a xornada anterior. Artellarase en dous bloques: un para as estacións situadas por debaixo dos 900 metros (altitude do 90% do territorio galego); e outro para aquelas emprazadas por riba desta altura.
Ademais do novo apartado, a páxina de inicio amosará un resumo destes valores e, entre o ocaso e o orto, o carrusel de imaxes de cámaras web será substituído por unha animación con mapas de Galicia que incluirán a interpolación desas variables extremas. As modificacións tamén abrangueron ao apartado de Observación, que pasa a incorporar o resumo de valores extremos e a animación do mapa da nosa terra, “coma na páxina de inicio”. Ademais, incluirá igualmente un carrusel de cámaras web e unha listaxe cos máis recentes informes climáticos.
Medio Ambiente amplía os contidos de meteogalicia.gal
Compartir Este Artigo


