O Concello de Lalín, da man do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, vén de facer reconto da actividade xerada polo Executivo local en materia de novas tecnoloxías da información. Foron, segundo sinalou, máis de 20 iniciativas xestionadas ao longo de 2016, algunhas delas comentadas a fondo dende Código Cero, como a actividade formativa sobre cálculo e simulación para as PEME da contorna, a “quedada” con blogueiros turísticos do ámbito estatal para facerlles ver os atractivos do concello, ou a publicación a disposición de toda a cidadanía da páxina web do repositorio local de software. Segundo fixo saber Vilariño, foi un exercicio “moi produtivo” e ateigado de “múltiples avances informáticos e tecnolóxicos para Lalín”.
Entre os proxectos levados a cabo, todos eles froito do “importante traballo do equipo informático municipal”, Vilariño salientou a repercusión entre a veciñanza de iniciativas como a retransmisión de plenos mediante software libre a través de YouTube Live. Tamén destacou a remodelación da páxina web do Cocido, a adopción do dominio galego para os sitios en liña municipais ou o lanzamento do portal de Roteiros de Lalín, unha proposta dirixida a impulsar no concello as prácticas de lecer medioambiental e paisaxístico. Asemade, enxalzou o potencial de medidas como o directorio sobre empresas de Lalín ou a aplicación para xeolocalizar granxas.
Lalín desenvolveu en 2016 máis de 20 iniciativas TIC
Compartir Este Artigo

