Telefónica Open Future, a rede de centros de crowdworking e aceleración da operadora de telecomunicacións, proseguiu este xoves co seu proceso de visualización de novos servizos e produtos “agasallables” para estas festas do Nadal. Ou sexa, novos servizos e produtos desenvolvidos polas firmas acubilladas en Telefónica Open Future (incluído o centro Galicia Open Future de Santiago) e con potencial para engaiolar e sorprender a quen os reciba. Se o outro día a operadora enxalzou as posibilidades da iniciativa galega Cosmethics, hoxe é a quenda de GaliWonders, outro proxecto da nosa terra que conta ademais co engadido de botar unha man na promoción do Camiño e do tecido económico que se nutre dos itinerarios xacobeos. GaliWonders tamén ten sede no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, base operativa de Galicia Open Future.
Segundo fai saber a rede de centros innovadores de Telefónica, GaliWonders é unha iniciativa relacionada co Camiño de Santiago (un roteiro milenario que “reclama a atención e os plans de milleiros de peregrinos, viaxeiros e curiosos de todo o mundo”) e dirixida a permitir que os usuarios poidan achar por si mesmos os múltiples atractivos e experiencias que brinda o itinerario xacobeo en catro das súas variantes: o Camiño Francés, o Portugués, o Portugués da Costa e o de Fisterra. En palabras de Telefónica, a nosa terra, amais de ser unha das contornas que máis estrelas Michelín acubilla, ten outros reclamos para coñecer de primeira man, sendo precisamente aí onde entra en xogo GaliWonders, “compartindo cos seus clientes eses atractivos, recomendando os restaurantes, experiencias e lugares máis auténticos, os favoritos dos galegos”. Os responsables de GaliWonders, ademais, botan man do amplo coñecemento que teñen da nosa paisaxe e xeografía para facer interesantes suxestións das áreas máis descoñecidas para os turistas (pero moi apreciadas polos autóctonos).
Telefónica Open Future enxalza o potencial de GaliWonders para coñecer a nosa terra este Nadal
Compartir Este Artigo

