A galega Cosmethics, entre as propostas de Telefónica Open Future para marcar as diferenzas este Nadal

martes, 27 de decembro do 2016 Redacción

Telefónica, a través da súa plataforma de crowdworking Telefónica Open Future (no que se insire a nosa palestra de emprendemento innovador Galicia Open Future, GOF), vén de dar a coñecer dez propostas tecnolóxicas coas que levarmos unha boa sorpresa nestas festividades, e coas que sorprender a quen dificilmente se deixa abraiar. Trátase de dez servizos novos que abrollan doutras tantas start-ups á súa vez inseridas nos diferentes emprazamentos-lanzadeira que Telefónica Open Future ten no territorio estatal e americano, incluído o galego (por certo, o primeiro dos centros de crowdworking postos en marcha e o referente para os demais). Entre estas propostas de Nadal atopamos a de Cosmethics, impulsada precisamente dende acó. En palabras de Telefónica, o que xorde de Open Future é un fluxo de tecnoloxía e servizos cos que satisfacer os “agasalladores” e “agasallados” máis esixentes.
En cuestións viaxes e experiencias, a operadora destaca nestas datas as iniciativas Zomoz (un acubillo lanzado dende Venezuela e Colombia para pór en contacto a viaxeiros con instrutores, guías e profesores “alérxicos ao clásico catálogo de viaxes”) e Viajala (metabuscador de hoteis e viaxes que opera actualmente en Arxentina, Chile, Colombia, México e Perú, onde dá servizo a máis dun millón de viaxeiros cada mes).
No ámbito dos móbiles, os xogos e a fotografía, Telefónica pon de relevo o potencial de Widow Games (nova firma arxentina de xogos clásicos para todas as idades que vén de lanzar en Brasil oito xogos de taboleiro para smartphones e tabletas; a empresa foi fundada en 2013 e xa ten máis dun millón de usuarios únicos), Emotions (aplicación que engade movemento e vida propia a imaxes estáticas aplicando a realidade aumentada, fornecendo tamén son e interactividade) e Trocafone (plataforma brasileira de comercio electrónico para para a compravenda de smartphones e tabletas de segunda man).
Respecto das crianzas (os verdadeiros protagonistas destas festividades), a compañía salienta as propostas Boolino (firma barcelonesa nada en 2011 co obxectivo de “converter os nenos en seareiros da lectura, axudando aos seus pais a atopar os libros que lles gustan dun xeito doado e intuitivo) e Pollito inglés (servizo de compravenda de artigos para bebés con presenza en México e Venezuela e que fixo de Instagram un dos seus principais puntos de venda).
No ámbito da beleza, Telefónica Open Future destaca os recursos e vantaxes que pon en xogo o proxecto galego Cosmethics. Esta experiencia habilitada dende a nosa terra, sinala a operadora, contribuíu a mellorar a oferta de produtos de beleza e coidados na Rede, ao ter seleccionada unha ampla e interesante liña de produtos de cosmética natural. Os produtos en cuestión, para mulleres e homes, teñen o denominador común de iren orientados a permitirnos “gozar de nós e do noso aspecto”. A web de Cosmethics propón para estes días tres alternativas de maquillaxe “que marcan tendencia nas festas”, explican dende Telefónica Open Future.
No eido das compras e da alimentación, saliéntanse as vantaxes de DelSuper, un establecemento en liña que se responsabiliza de carrexarnos a compra á nosa casa nunha hora ou ben no intre no que prefiramos que se nos leve. A día de hoxe, esta start-up opera en varias cidades españolas (en concellos andaluces e valencianos, ademais de na totalidade de Madrid e Barcelona) e encarga a expertas compradoras que fagan a compra no mesmo supermercado físico que o cliente, quen previamente encheu a súa cesta da compra. “Só no caso de que algún produto estea esgotado, avísase por Whatsapp ou por teléfono desta incidencia ao cliente”, explican dende Telefónica Open Future.
Por último, na sección de móbeis e roupa, a operadora pon de relevo a proposta Eshop, empresa española que ofrece a toda a familia produtos “de última tendencia e da mellor calidade”.
A compañía conclúe a súa listaxe lembrándonos que as devanditas achegas son só unha miúda mostra dos milleiros de proxectos nos que traballan a diario as máis de 1.500 novas firmas que forman parte do ecosistema de Telefónica Open Future.

PUBLICIDADE