Será a vindeira semana, o martes 17, cando a Facultade de Informática da Coruña (FIC) celebre a xornada informativa sobre o Programa de Formación en Unity3D para Desenvolvementos en Industria 4.0. A actividade en cuestión, que será de balde e impartida por Gato Salvaje Studio (estudo de videoxogos coruñés), terá lugar na Aula de Graos da FIC ás 18 horas e, segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, vai encamiñada a programadores informáticos profesionais de cara a ampliar os seus coñecementos ou achegarse ao mundo da realidade virtual e as contornas de simulación en 3D.
Para aqueles que o descoñezan, Unity3D é un software de programación para contornas de simulación en 3D que se expandiu cara a outras industrias como a médica, a naval, a automoción ou a arquitectura (alén dos videoxogos), tendo como finalidade a de complementar a formación de programadores informáticos profesionais.
Asemade, cómpre engadir que estamos perante o primeiro programa formativo destas características impartido en Galicia e conta co apoio do IGAPE-Xunta de Galicia (a través de Fondos UE).
O curso, por certo, ten dúas especializacións, Deseño 3D e Programación en Unity3D, e está, en palabras da FIC, “especialmente orientado a graduados en Enxeñaría Informática ou alumnos do centro que están a cursar actualmente o TFG”.
Para máis información cómpre contactar co estudo Gato Salvaje no teléfono 881 92 82 86 ou no enderezo de correo electrónico habilitado, formacion4.0@gatosalvajestudio.com.
Os programadores poderán achegarse á realidade virtual no curso sobre Unity3D que acollerá a FIC
Compartir Este Artigo

