O Concello de Mos vén de informar da creación da Rede de Asociacións local e máis da súa ferramenta dixital, “un Facebook de uso común”. A orixe desta iniciativa tecnolóxica está no mes de novembro de 2016, cando a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, convocaron ás directivas das asociacións do municipio para habilitar “un proxecto común de dixitalización para o tecido asociativo local”. A posta en marcha deste escenario comunicativo compartido confirmouse finalmente a semana pasada.
Trátase do Facebook da Rede de Asociacións de Mos (RAM). Segundo fixo saber o Concello, o obxectivo desta plataforma é que “as asociacións locais teñan unha ferramenta común que poidan utilizar para dar difusión ás súas novas, eventos e actividades e para que toda a poboación teña acceso a esta información, sexa dende Mos ou dende calquera parte do mundo”.
O Facebook da RAM (Rede de Asociacións de Mos) será, ademais, unha ferramenta activa e dinámica. Nesta liña de fomentar a participación e a adhesión, este luns pola tarde a Axencia de Colocación de Mos vai acoller unha sesión dirixida ás asociacións interesadas en incorporarse/asociarse ao Facebook da RAM (Rede de Asociacións de Mos). Na cita participará o voluntario dixital do Concello, Antonio Pasarín, que resolverá dúbidas sobre o Facebook da Rede e explicará como compartir noticias co espazo da RAM na dita rede social.
Segundo engadiu o Concello, esta plataforma de uso común xa está dispoñible “para calquera persoa que queira visualizala”. Ademais, neste intre ten un alcance de 5.821 persoas.
As asociacións de Mos estrean plataforma común de comunicación dixital
Compartir Este Artigo

