O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no que a directora do organismo, Sonia Rodríguez-Campos, informou sobre as actividades do 2016 e o programa previsto para este ano. O Plan de formación de 2017 presentado hoxe contempla un forte incremento das materias relativas á administración electrónica e inclúe un total de 623 actividades dirixidas ao persoal das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o que suporá un 18% máis ca no ano anterior.
Durante os últimos anos, o organismo traballou por conseguir unha formación sen barreiras xeográficas ou temporais, a través da implantación da autoformación e do incremento da formación en liña; centrada nos temas de actualidade con incidencia na Administración pública e no seu funcionamento, a través da celebración de xornadas e cursos monográficos; e máis práctica, establecendo un 25% de obradoiros como mínimo en todas as actividades de formación continua. Deste xeito a EGAP converteuse nun centro aberto a todas as persoas interesadas en formarse e nunha peza imprescindible para acadar unha Administración de calidade, eficaz e eficiente no cumprimento dos fins de interese xeral que ten asignados.
A formación deste organismo vai ser esencial para a modernización administrativa requirida pola cidadanía e esixida polas leis 39 e 40/2015. Por este motivo, en 2017 a Escola incrementa substancialmente os cursos relativos á administración electrónica, facéndoos extensivos a todos os empregados públicos aos que se lles oferta formación.
O plan de actividades presentado hoxe engloba ao persoal da Administración autonómica, da Administración local, da Administración de xustiza, ao persoal de administración e servizos das universidades galegas e ao persoal da Administración institucional e dos entes instrumentais do sector público de Galicia. Para todos eles está prevista durante 2017 a convocatoria de 623 edicións formativas, un 18% máis ca no 2016, e 29.625 prazas, un 27% máis ca no 2016.
Ao igual que en anos anteriores, a EGAP propón un programa formativo que integra os cursos dirixidos aos distintos colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma, vertebrándose nuns obxectivos de mellora e modernización comúns e, ao mesmo tempo, atendendo ás necesidades concretas de cada colectivo. Así, a directora da Escola presentou un plan formativo específico para os empregados de cada Administración e outro de autoformación común para todos os colectivos.
Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores e de especialización, xornadas e cursos monográficos previstos para os próximos meses. De entre eles destacou o curso superior sobre as leis 39 e 40/2015, do procedemento administrativo común e do réxime xurídico do sector público; o curso superior sobre as novas directivas de contratos públicos e a nova lei resultante da súa transposición; o curso superior sobre a elaboración, xestión e avaliación de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sustentable; a xornada sobre A lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia e a convención internacional sobre persoas con discapacidade 2006; e a xornada sobre a boa Administración e o Dereito administrativo.
A EGAP reforzará as materias relativas á administración electrónica
Compartir Este Artigo

