O programa do evento DICO Summit 2017, que se celebra o 24 e o 25 de xaneiro en Santiago co obxectivo de afianzarnos no rumbo de converternos nunha potencia de contidos dixitais, segue a ser fonte de importantes novidades. Se antonte falabamos de boa parte das mesas e paneis previstos na tarde do primeiro día e na xornada seguinte, e onte do papel que van despregar as operadoras e as plataformas de distribución, hoxe é a quenda de salientar o programado para a segunda xornada: unha achega dende múltiples facetas e puntos de vista á pegada dos contidos en diferentes sectores produtivos.
Este segundo día de actividades abranguerá a presentación de diferentes casos de éxito nunha manchea de eidos, como por exemplo o téxtil, a acuicultura, a alimentación ou a saúde, a educación ou o turismo. A intención das entidades organizadores de DICO (AMTEGA, Clúster TIC de Galicia e CLAG) é amosar “que a nova economía tamén é dixital”.
Para visualizar o impacto dos contidos dixitais e as tecnoloxías relacionadas, representantes de diversos sectores económicos de Galicia presentarán casos de éxito e boas prácticas na mesa A economía tamén é dixital. Así, o Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) exporá o seu proxecto MarketLab, unha infraestrutura de innovación aberta centrada en analizar os factores que inflúen na compra do consumidor actual na contorno da intelixencia competitiva. Pola súa banda, Queres Tecnoloxía exporá ferramentas de información masiva (Big Data) aplicadas á interoperabilidade sanitaria para mellorar a atención ao paciente. Ademais, o Cluster Téxtil Moda (COINTEGA) presentará SIMSS, unha plataforma que permite ás empresas do sector da moda vender máis con menos esforzo e xestionar de forma máis eficiente os seus procesos internos.
Pero os relatorios e paneis da segunda xornada non rematan no devandito. Manuel Meijide, director de Ilux Visual Tecnologies amosaranos no seu relatorio O turista dixital como “viaxar sen saír de casa” e como isto pode ser posible grazas aos contidos dixitais. No panel A educación do futuro busca contidos, o project manager de Netex, José Domenech, e o co-fundador de Tesla, Esteban Vázquez, exporán os proxectos que se están a desenvolver neste eido no sector educativo, en palabras dos organizadores de DICO Summit “un dos grandes consumidores de contidos dixitais”.
A última mesa da xornada xirará en torno ao emprendemento no sector dos contidos dixitais en nela intervirán o responsable do Centro de Innovación de RTVE, Esteban Mayoral Campos, o director legal de Liberty Global, Borja Varela e o socio do estudio galego de videoxogos Gato Salvaje e fundador de Start Your Business International Consulting, Fernando Prieto..
DICO Summit 2017 mergullaranos na influencia dos contidos dixitais en múltiples sectores
Compartir Este Artigo

