Xesol Innovation, firma con sede na Tecnópole da que falamos recentemente para salientar as súas tecnoloxías para a condución ultra-segura e smart, prepara a súa saída ao mercado de valores londiniense ISDX (ICAP Securities & Derivatives Exchange) para finais de ano. E farao contando coa colaboración da firma taxadora Gesvalt, que desenvolverá a valoración das participacións que compoñen o capital social de Xesol, unha das nosas start-ups de meirande potencial de proxección, tanto a nivel estatal como internacional. Segundo salientan fontes da Tecnópole, estamos a falar dunha empresa cuxa marxe de actividade pode ter unha amplitude ben significativa: máis de 1.000 millóns de vehículos arestora están en circulación (os fabricados logo do 2000, que serían os “compatibles” coa tecnoloxía de Xesol).
Segundo fai saber o director executivo da firma, o traballo feito por Gesvalt xa permitiu a taxación do potencial inmerso no intanxible dos desenvolvementos acometidos pola empresa, que tamén ten sedes en Vigo e Madrid (amais de contar con dúas ducias de traballadores, na súa meirande parte enxeñeiras/os e 60 accionistas).
Como recordaremos, a galega Xesol foi quen de dar forma a un asistente de condución intelixente (ADAS) que salienta por riba doutros recursos análogos por ser o que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil. Fornece, ademais, unha ampla marxe de precisión e goza de todas as vantaxes da visión artificial (en troques de infravermellos e radares), integrando tres cámaras con esta tecnoloxía. Salienta non só polo marxe de seguridade posta en xogo para os pasaxeiros, senón tamén polos elementos de “tranquilidade” que subministra a quen está fóra do coche. Sexan peóns, ciclistas ou ocupantes de vehículos estacionados.
Xesol cotizará nun mercado londiniense a finais de ano
Compartir Este Artigo
