O Concello de Pontevedra vén dar un novo e decisivo paso en materia de Administración Electrónica. Máis polo miúdo, procedeu a suprimir o papel de todos os expedientes que tramita con empresas, o que certifica a súa aposta integral e unívoca pola xestión dixital. Esta medida foi posible grazas aos avances incorporados á sede electrónica do Concello, sede.pontevedra.gal, que, como lembraremos, foi posta en marcha en marzo do o ano pasado, sendo en boa medida o alicerce desta aposta integral polo electrónico. “A partir deste 1 de febreiro”, informa o Goberno local, “a totalidade dos expedientes realizaranse de maneira electrónica”. A medida leva implícita, tamén, a obriga por parte do Concello de notificar dixitalmente.
Segundo informa a equipa de goberno pontevedrés, “o devandito suporá importantes cambios na xestión interna dos servizos municipais”. A tecnoloxía elixida para soportar e facer posible toda esta transformación é a tecnoloxía Cividas, desenvolvida pola empresa Imatia, que entre outras vantaxes fornece unha plataforma de xestión de expedientes común. O Executivo local, nun plano máis concreto, sinala que o principal cambio atinxirá ás entidades xurídicas que traballan coa Administración pontevedresa, arredor dunhas 11.000 anuais (ás que hai que engadir entidades non xurídicas como por exemplo colexios profesionais, notarías ou rexistradoras da propiedade, entre outras). Todas elas e sen excepción terán obriga desde este 1 de febreiro de presentar electronicamente toda a documentación que dirixan a traves de sede.pontevedra.gal. Pola súa banda, o Concello tamén lles remitirá todas as notificacións a través deste mesmo procedemento. “É dicir”, explicou esta semana o Executivo, “elimínase o papel nas relacións diarias das empresas co Concello, é a inversa”.
No que respecta ás persoas físicas (ou particulares), o Consistorio sinalou que non están obrigadas a recibir as notificacións electrónicas. Este colectivo, equiparable en número ao anterior, terá a posibilidade de decidir se quere que se lle notifique todos os seus expedientes de maneira dixital ou un procedemento en concreto, e o resto en papel. O obxectivo do Concello é “facilitar o traballo tanto aos administrados como aos servizos municipais”.
Dende a entrada en vigor da sede electrónica municipal, esta ferramenta recibiu 408 solicitudes electrónicas, das cales 71 son de persoas xurídicas e 337 de persoas físicas. A estas entradas cumpriría engadir a presentación das facturas electrónicas que foron 8.805 dende a mesma data.
Pontevedra desbota o papel dos seus expedientes con empresas
Compartir Este Artigo

