
Segundo engade, “a conclusión máis destacada é que existen nos recursos web analizados diversos elementos propios do goberno electrónico, desde elementos que facilitan a navegabilidade ata outros máis complexos que permiten a participación cidadá na elaboración dunha política pública”. A súa investigación abrangueu as sete grandes cidades galegas (A Coruña, Vigo, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol) e máis Narón, Lalín, Moaña, Xinzo de Limia, Ribadeo, Meis e A Illa de Arousa. En todos os parámetros tidos en conta as cidades grandes obtiveron as mellores puntuacións. Con todo, Canoura puido comprobar que malia que tamén hai grandes avances en materia de goberno electrónico, “en moitos outros casos seguimos tendo que acudir de xeito presencial para cuestións que facilmente se poderían facer por medios telemáticos”. Como conclusión, o seu estudo sinala que en xeral non se aproveitan de maneira axeitada as novas tecnoloxías da información para fomentar a participación cidadá.
O proxecto abrangueu a realización dun test heurístico co que analizar unha serie de parámetros nas webs municipais, vencellados a catro categorías. No seu conxunto, os municipios analizados obteñen as mellores puntuacións na categoría de usabilidade, cun 61% de cumprimento medio; mentres que a participación cidadá constitúe a categoría con menor puntuación conxunta. Vigo, cun 54,5% de cumprimento dos ítems propostos, Pontevedra, cun 53%, e Santiago cun 51%, son os municipios que maior salientan nesta análise, fronte ao 8% de Xinzo de Limia e o 16,5% da Illa de Arousa.
O traballo completouse co devandito experimento co que Canoura tratou de comprobar o nivel de comunicación bidireccional dos concellos, a través de cinco usuarios ficticios que solicitaban información sobre trámites como por exemplo a alta no padrón ou a obtención dunha licencia de bar. En xeral, comenta, obtivéronse “respostas rápidas”, aínda que non coa calidade e claridade desexable, xa que a contestación no mesmo día “é a situación xeneralizada”. Pontevedra, Lugo, Santiago, Vigo, A Coruña e Ourense son as cidades que maior puntuación obteñen nunha proba da que ficaron fóra Meis, Moaña e Xinzo por non dispor de ferramentas web para a realización destas consultas.
Xunto a Canoura, foi recoñecido co segundo premio José María Peral, polo seu traballo Influencia de la Unión Europea en las organizaciones internacionales de aviación civil.
Unha investigación premiada pola UVigo pon de manifesto as eivas dos nosos concellos en materia de eGoberno
Compartir Este Artigo

