O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) vai organizar os días vindeiros unha sesión monográfica de probas e experimentación sobre as diferentes tecnoloxías avanzadas das que podemos dispor para xestionar e manexar un vehículo aéreo non tripulado e, tamén, para procesar a información que o vehículo nos forneza. A xornada de demostración tecnolóxica UAVlab desenvolverase na sede do CiTIUS o vindeiro 24 de febreiro, con horario de 10.00 a 14.00 horas.
A xornada, que segue o ronsel das recentes edicións da iniciativa Inside The Lab, será un encontro de portas abertas para os profesionais da nosa contorna empresarial científico-tecnolóxica. Entre as tecnoloxías exhibidas ó longo do UAVlab, os visitantes poderán asistir a demostracións de solucións deseñadas para a pilotaxe autónoma de vehículos aéreos non tripulados mediante visión artificial, a reconstrución 3D da contorna a partires de imaxes, ou a identificación de superficies a partir de imaxes hiperespectrais (LiDAR), entre outras. Segundo informa o CiTIUS, tódalas solucións amosadas nesta xornada “teñen o seu fundamento en resultados de investigación punteiros ó máis alto nivel, situándose nalgúns casos coma os mellores do mundo”. Para participar nesta xornada, teremos que cubrir o formulario publicado na web do evento. A inscrición fica aberta ata o 22 de febreiro.
O CiTIUS meteranos de cheo nas tecnoloxías aplicadas a vehículos aéreos non tripulados
Compartir Este Artigo

