Improving Metrics, compañía galega centrada na analítica de datos e o desenvolvemento de ferramentas baseadas na análise de Big Data (información masiva), vai estar presente na nova edición do Mobile World Congress, no Pavillón de España, amosando o potencial da nosa terra en materia de aproveitamento da información dixital. Como lembraremos, o salón Mobile World Congress abrirá as súas portas o 27 de febreiro e ficará aberto ata o 2 de marzo, na Fira de Barcelona, dando acubillo á presentación ante o mundo de máis de 60 empresas innovadoras do ámbito estatal (incluída a coruñesa Improving Metrics).
Este grupo de empresas dará conta de todo tipo de achados innovadores nos máis puxantes eidos e sectores: Cidades Intelixentes, ciberseguridade, Internet das Cousas (IoT), Industria 4.0, tecnoloxías da linguaxe, aplicacións da saúde, computación na nube, información inxente ou educación dixital.
Improving Metrics presentará os seus fitos e liñas estratéxicas a través do relatorio Improving Metrics: Máis aló da analítica dixital, o martes 28 de febreiro, ás 18:00h, no Pavillón de España.
A compañía naceu en 2011 e ten xa sedes na Coruña, Barcelona e Madrid. Os seus servizos están orientados a converter os datos dixitais “en coñecemento práctico e útil”, información enfocada á consecución de obxectivos e á axeitada toma de decisións dentro da empresas. O seu equipo fornece servizos a grandes empresas de máis de 40 países, axudándoas en materia de estudo pormenorizado de datos ou optimización de negocio.
A galega Improving Metrics amosará os seus achados en Big Data no Mobile World Congress
Compartir Este Artigo

