A Deputación de Lugo inaugurou este luns unha exposición de artistas galegos que achega unha reflexión sobre os anacos da nosa vida que pasamos en movemento, máis polo miúdo viaxando en tren. A mostra, que fornece obras de pintura, audiovisual, literatura e música, tamén ten unha clara vertente dixital. De feito, unha das artistas presentes na colectiva, Aymará Ghiglione, empregou para a súa proposta unha materia prima certamente innovadora: o seu teléfono móbil, retratando durante meses ás viaxeiras e viaxeiros que a acompañaban nos seus percorridos diarios en tren entre Coruña e Santiago. Estas imaxes eran subidas logo á rede social Instagram coa etiqueta #Passengers. Esta foi a orixe, precisamente, da exposición inaugurada hoxe no Pazo de San Marcos de Lugo: #Pasaxeiras. O cotián como unha viaxe irrepetible.
A encargada de abrir oficialmente a mostra foi a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto. Fíxoo xunto aos autores desta exposición Aymará Ghiglione, Marta Paz, Laura Pernás, Roge Fernández, José Lemur e Beatriz Asorey.
A exhibición conta con 16 fotografías de Aymará Ghiglione acompañadas de 12 cadros realizados pola artista Marta Paz, quen traslada as imaxes dixitais ao lenzo, dándolle unha vida diferente e un novo significado. Asemade, inclúe pezas audiovisuais de José Lemur, Roge Fernández, nas que se transmite a experiencia dunha viaxe en tren, recreando sons e imaxes. Complétase cunha serie de microrrelatos (dos autores Helena Villar, Luz Darriba, Rocío Fraga, Ángela Triana, Pablo Gallo, Kike Ganso, Lucía Aldao, Manolo Barreiro, Mabel Montes, Nieves Neira, Luís Valle, Rubén Panete) inspirados nos protagonistas anónimos das fotos e cunha peza audiovisual de Laura Pernás. Segundo fai saber a Deputación, o deseño expositivo veu da man de Beatriz Asorey. Este deseño, engadiu a entidade, “xoga coa creación de atmosferas que axudan á inmersión e fagan partícipe ao público”.
Como dixemos, #Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible é un proxecto colectivo que ten a súa orixe nas fotografías “ferroviarias” tomadas por Aymará Ghiglione na liña Coruña-Santiago, fotos que foron penduradas nas redes sociais facendo medrar a comunidade internacional de fotógrafos e fotógrafas que retratan a vida nos medios de transporte público.
A Deputación de Lugo inaugura na súa sede unha mostra desenvolvida en Instagram: #Pasaxeiras
Compartir Este Artigo

