Ollar quen concorre e quen gaña no certame galego INCUVI-Emprende, convocado pola Universidade de Vigo, é en boa medida ollar o futuro do noso tecido innovador empresarial. Os días pasados, sen ir máis lonxe, a UVigo achegounos unha xanela ao presente de oito dos proxectos seleccionados na quinta edición dos premios, oito iniciativas que foron quen de “chegar o remate do proceso” logo dun ano de incubación nos Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Ou sexa, a pasar de ser propostas emprendedoras impulsadas polo alumnado para converterse en realidades empresariais palpables. Entre estas iniciativas reais e en plena fase de crecemento atópanse algunhas que teñen o obxectivo de marcar un antes e un despois no ámbito TIC galego e estatal. Por exemplo Beleader, MyKeeper ou Awesome Soft. Todas elas presentaron os seus resultados a semana pasada perante os promotores.
Beleader centra a súa actividade en fornecer unha aplicación multiplataforma dispoñible a través da web e de dispositivos móbiles que conecta visitantes con guías turísticos, facendo partícipes dese vínculo a anunciantes e empresas. Os seus responsables deron a coñecer que veñen de constituír a súa empresa con capital propio e de acadar a cualificación de IEBT, prevéndose o lanzamento do seu produto antes de verán.
A nova firma Awesome Soft, pola súa banda, está adicada ao desenvolvemento e comercialización de videoxogos independentes para dispositivos electrónicos. Arestora atópase mergullada na materialización do seu primeiro videoxogo, as e os seus promotores gardan ter un produto mínimo viable para poder saír ao mercado antes de que remate 2017.
Polo que respecta a MyKeeper, da que xa temos falado en Código Cero para salientar a súa participación en Connectig For Good Galicia (iniciativa de Vodafone e AMTEGA para converter a Cidade da Cultura en polo de tecnoloxías sociais), é unha firma directamente encamiñada a facer máis doadas e eficaces as tarefas dos coidadores dos enfermos de alzhéimer ou outras demencias. Raquel Mejuto, de MyKeeper, confirmou no acto que neste intre teñen desenvolvido un prototipo que van someter a probas de validación, cara a un próximo desenvolvemento comercial que lles permita entrar no mercado, “e de xeito paralelo estamos a realizar mostras para facelas chegar a diferentes asociación de doentes de alzhéimer de ámbito estatal, para estender así a nosa promoción e validación”.
Entre os oito devanditas iniciativas atópanse tamén MycoGalicia (proxecto de valorización, formación, divulgación e investigación sobre fungos e cogomelos nos montes e bosques), Brigantia (adicada ao asesoramento e concienciación nas problemáticas sociais do século XXI a través de programas e servizos para diversos colectivos), Lag (que centra a súa actividade no deseño e serigrafía de produtos abordando os problemas sociais desde a ironía e o humor), Blue Lion (que mestura moda e lecer e desenvolve coleccións de produtos téxtiles) e Looptronic (centrada na oferta de dispositivos destinados á mellorara eficiencia enerxética de máquinas e habitacións de hoteis).
Das oito iniciativas, Brigantia, Lag, Be.leader e Mycogalicia, confirmaron a súa candidatura á convocatoria INCUVI-Avanza, que se resolverá nas vindeiras semanas e que lles permitirá a dúas delas continuar o seu proceso de maduración. Nun caso no parque empresarial de Porto do Molle en Nigrán, e noutro, no CITI en Ourense.
No acto de presentación de resultados dos proxectos ante os representantes dalgúns dos case vinte patrocinadores e colaboradores na 5ª edición dos premios da UVigo, a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, agradeceu a participación de todos eles nesta iniciativa da Universidade, “non poderíamos seguir adiante sen vós”, asegurou, mentres que o director da Área de Emprego e Emprendemento, Alejandro Martínez, salientou a presenza no acto das e dos responsables dos proxectos que concorrerán á 6ª edición do concurso, aos que animou a traballar como o fixeron os seus antecesores.
A mediados do vindeiro mes de marzo coñeceranse ás e aos novos inquilinos dos espazos de incubación da 6ª edición dos premios, así como as dúas iniciativas gañadoras dos INCUVI-Avanza.
As firmas da quinta edición de INCUVI-Emprende locen músculo tecnolóxico
Compartir Este Artigo

