De novo temos que falar de tecnoloxías e investigación galegas que serven para mellorar a nosa calidade de vida. Neste caso concreto que imos abordar, referímonos á calidade de vida das persoas que sofren o chamado síndrome do ollo seco, unha doenza que afecta en España a arredor de cinco millóns de persoas, producíndolles problemas visuais e inestabilidade da película lacrimal, amais de danos potenciais na superficie do ollo. Na investigación para optimizar os diagnósticos en referencia a esta doenza, causada pola falta de produción de bágoas (ou por bágoas que se evaporan axiña, antes de tempo), está a colaborar o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) a través dos seus supercomputadores. Á fronte destes traballos está un equipo da Universidade de Coruña liderado por Jorge González Domínguez.
Os investigadores da UDC desenvolveron un método para acelerar a produción de mapas de película lacrimal en clústeres de memoria distribuída. Segundo explicaron no seu día, esta nova abordaxe modifica o algoritmo orixinal de representación de mapas de película lacrimal mediante a utilización dunha Interface de Pase de Mensaxes, polas súas siglas en inglés MPI, un sistema de pase de información estandarizado e carrexable deseñado para operar en múltiples arquitecturas paralelas de cómputo.
O devandito método probouse xa en 32 nodos do supercomputador masivamente paralelo instalado en CESGA, Finisterrae II.
Os resultados veñen de ver a luz estes días, publicados no número de febreiro da referencial revista Computer Methods and Programs in Biomedicine, que recolle este traballo realizado por Jorge González Domínguez e María José Martín, ambos os dous membros do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (GAC-UDC), xunto con Beatriz Remeseiro do Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência en Porto (INESC TEC).
Segundo nos contan dende o CESGA, os resultados amosan que o tempo de execución destes mapas redúcese grazas aos achados dos ditos investigadores “de xeito drástico”, pasando dos “case dous minutos utilizando a anterior abordaxe multifío a menos de dez segundos tirando partido do novo método”. Esta redución en tempos de execución, engaden os investigadores, “pode lograr que o uso de mapas de película lacrimal se estenda entre especialistas médicos e se contribúa desta maneira ao diagnóstico da síndrome de ollo seco”.
Os supercomputadores do CESGA axudan á optimización no diagnóstico da síndrome de ollo seco
Compartir Este Artigo

