A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) Alfredo García, presentaron esta mañá en Santiago a terceira convocatoria do Programa CeMIT-Innova, iniciativa enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia que impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para superar desafíos sociais da súa contorna local.
Na presentación desta terceira edición de CeMIT-Innova participaron un cento de persoas de concellos, empresas TIC e non TIC, entidades de acción social, asociacións culturais e aulas pertencentes a Rede CeMIT.
Mar Pereira destacou o papel da Rede CeMIT como unha das ferramentas esenciais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, en cuxo desenvolvemento a AMTEGA conta coa colaboración da FEGAMP xunto con colexios profesionais, universidades, empresas, entidades do terceiro sector e voluntarios e voluntarias dixitais.
Pereira lembrou que a rede CeMIT leva impartidas desde 2011, ano no que se puxo en marcha, máis de 237.700 horas de formación en TIC en diferentes niveis. Actualmente, conta con máis de 64.600 usuarios rexistrados e este ano o obxectivo é superar os 65.000 usuarios, impartir máis de 35.000 horas de formación e organizar 2.500 actividades.
A directora da AMTEGA agradeceu o traballo e a implicación das 18 aulas que participaron nas dúas anteriores edicións de CeMIT-Innova e que desenvolveron propostas innovadoras para a mellora da empregabilidade e a inclusión social da cidadanía e dentro dela, de colectivos en risco de exclusión, o envellecemento activo, a promoción económica, a mellora do acceso a coñecementos tecnolóxicos e a participación cidadá.
A novidade deste ano é a convocatoria do I Concurso de Innovación Social Dixital: Premio Son Dixital que recoñecerá a orixinalidade e carácter innovador e creativo do proxecto de innovación social dixital presentado, así como o número e calidade de resultados tanxibles. O premiado coñeceranse a finais de ano nun acto de presentación de resultados das iniciativas desenvolvidas.
A xornada completouse coa participación de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo.
A rede de aulas CeMIT contribuirá á innovación social dixital
Compartir Este Artigo

