Vitae Consultores quere axudarnos, este mes de abril, a avanzar no camiño de converternos en testers expertos no ámbito TI, ou sexa, no vieiro de subir novos chanzos como probadores e avaliadores de ferramentas e servizos informáticos en fase de desenvolvemento (co obxectivo de optimizalos, procurar posibles eivas ou erros e corrixilos con vistas á versión definitiva). Deste xeito, unha vez impartida a formación en Fundamentos de Testing, Vitae propón para o vindeiro mes a posibilidade de conseguirmos a Certificación Agile Tester Foundation ISTQB. Trátase, en palabras da consultora-formadora galega, unha oportunidade para “os nosos profesionais que desexen alcanzar unha sólida visión do proceso de probas”.
Segundo explica Vitae acerca dos fundamentos desta oferta formativa para o mes de abril, “existe aínda moita confusión arredor do concepto de probas áxiles de software, é por isto que a certificación concede o coñecemento preciso ao tester para formar parte de equipos de traballo eficaces e rendibles e para lograr un alto desenvolvemento profesional”.
Segundo explica Vitae, este curso dá a opción de Certificación ISTQB Agile Tester Extension, pero é necesario posuír a acreditación Certified Tester Foundation Level de ISTQB. Lembrar, a maiores, que o programa de certificación do ISTQB (International Software Testing Qualifications Board) é recoñecido como un estándar internacional para avaliadores de software. Trátase dunha organización de certificación da calidade do software que opera internacionalmente. O ISTQB encárgase de soportar e definir un esquema de acreditación internacional e fornece o plan de estudos e o glosario sobre os que se definen as guías para a avaliación dos profesionais do testing a cargo dos comités de cada país.
Amais de todo o devandito, recordar que neste segundo trimestre do 2017, Vitae presenta unha ampla oferta formativa centrada en xestión, habilidades persoais e de operacións: Avaliación Avanzada de Perfís TI, Xestión de Proxectos Áxiles con SCRUM, Angular2 ou Desenvolvemento Frontend moderno con React e Redux. “En Vitae”, sinala a consultora galega a respecto desta ampla oferta formativa avanzada, “continuamos coa nosa misión de mellorar a formación e a capacitación dos profesionais e empresas do sector TI”.
Vitae imparte a formación para obtermos a certificación de testers áxiles en ISTQB
Compartir Este Artigo

