O Concello de Santiago informou onte do seu traballo actual ao abeiro do proxecto europeo Smarter Together. Esta participación, sinalou, traducirase en cousas como un máis amplo e fluído intercambio de experiencias de implantación de tecnoloxías intelixentes con outras cidades dos países membro. Dito doutra maneira: a presenza de Compostela en Smarter Together garantirá o partillado, en dous sentidos, de recursos smart destinados a mellorar a calidade de vida nos ámbitos urbanos.
Estes datos déronse a coñecer trala primeira xuntanza interdepartamental celebrada onte en Compostela co obxectivo de afondar nas áreas de traballo nas que se vai desenvolver a estratexia: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, redes de auga quente sanitaria e calefacción centralizadas (district heating) e enerxías renovables.
Segundo se fixo saber, Santiago é socia do Smarter Together como cidade “seguidora”, xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas “cidades faro”, que son Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020. Santiago, como cidade seareira, terá a oportunidade de participar para elaborar unha estratexia para unha cidade intelixente, coa colaboración de axentes internos do propio Concello e de axentes externos (cidadanía, asociacións, empresas).
As vindeiras xuntanzas (nas que participará Compostela) celebraranse en Venecia os días 3 e 4 e maio, e en Sofía, do 7 ao 9 de xuño. Está previsto que se celebre outro workshop en Lyon no mes de xullo, e en Compostela terá lugar en outubro un encontro para reunir os socios do proxecto e crear unha plataforma de comunicación e intercambio de experiencias.
Santiago participa no proxecto europeo Smarter Together
Compartir Este Artigo


