Ourense vai dar acollida os días vindeiros a un evento de alcance transfronteirizo sobre as posibilidades para as nosas empresas, profesionais e entidades que ofrecen os vehículos aéreos non tripulados. A primeira edición do Congreso Internacional de Drons (DIC Galicia 2017) celebrarase entre o 31 de marzo e o 2 de abril no Pazo dos Deportes Paco Paz e en Expourense. Organizan a Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AETG). Nas súas palabras, “serán tres días para xuntar técnicos, empresarios e seareiros destas tecnoloxías, que analizarán os últimos avances no sector, as aplicacións nos servizos, as liñas de investigación e as diferentes oportunidades de emprego e negocio que ofrecen os drons”.
O evento foi dado a coñecer a semana pasada no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da AETG e delegado do COITT en Galicia, José Manuel Martínez.
Baltar salientou que o apoio do goberno provincial a esta iniciativa “é inherente á actividade que vimos desenvolvendo desde a Deputación en innovación no sector dos drons”, e lembrou que en Ourense téñense realizado co apoio da entidade provincial cursos en seguridade e montaxe de vehículos aéreos non tripulados, piloto en emerxencias, experiencia en voo con dron profesional e, en datas vindeiras, abriranse as convocatorias para novos cursos sobre estes aparellos.
José Manuel Martínez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para poder levar a cabo este evento e explicou que agarda unha participación no congreso dunhas mil persoas, “pois xa recibimos solicitudes de España e outros países, as máis numerosas de Francia e Portugal”. O evento reunirá a expertos de sectores como o agrícola, marítimo, seguridade e telecomunicacións, quen exporán as posibilidades que ofrecen os drons e as súas aplicacións profesionais.
Segundo se confirmou na rolda de prensa, haberá relatorios sobre as aplicacións de vehículos aéreos non tripulados para agricultura de precisión, procura de bancos pesqueiros, topografía, seguridade e xeo-localización, lexislación e deporte. José Manuel Martínez explicou que o colofón do congreso será unha carreira de drons, que se celebrará no Pazo dos Deportes Paco Paz.
O congreso, concluíron, está dirixido a empresas, centros de investigación, organismos e institucións, fabricantes, distribuidores, investigadores empresas de servizos, universidades e público en xeral.
Ourense acollerá a primeira edición dun congreso internacional de vehículos aéreos non tripulados, DIC Galicia
Compartir Este Artigo


