A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa DepoEmprega, vai organizar dous obradoiros este mes de marzo para contribuír á inserción laboral e social das persoas desempregadas da provincia. Os talleres, moi centrados nas TIC, están destinados a 60 persoas (dos concellos de Bueu, Cangas, Poio, Pontevedra e Vigo) de colectivos en risco de exclusión, abranguéndose cidadáns con diversidades funcionais ou, tamén, mulleres vítimas da violencia machista. Entre outras cousas, forneceránselles recursos e coñecementos sobre como preparar un encontro cun axente empregador ou sobre como tirar o máximo proveito das ferramentas tecnolóxico-dixitais.
A primeira das accións, A entrevista de traballo, impartirase os vindeiros 14 e 15 de marzo, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (na que participarán 31 persoas) e no salón de actos do edificio administrativo da institución provincial, en Pontevedra (con 29 persoas participantes), respectivamente, de 10:00 a 12:00 horas. Neste obradoiro, sinala a entidade que preside Carmela Silva, “prestaráselle atención ao xeito de preparar unha entrevista, a como comportarse durante esta, a coñecer as preguntas que se poden realizar no seu desenvolvemento e, tamén, a elaborar as respostas axeitadas”. Serán obradoiros participativos, con proxección de vídeos, simulacións e debates sobre experiencias reais.
A segunda das accións, A marca persoal e as redes sociais na procura de emprego, terá lugar os vindeiros días 21 e 22 de marzo, en Vigo e Pontevedra, respectivamente, (nas mesmas localizacións e coa mesma participación que nos obradoiros anteriores), de 10:00 a 13:00 horas. Os obxectivos desta acción son a creación dun perfil ou marca persoal para mellorar a visibilidade profesional e laboral dos participantes. Tamén aprenderán a manexar as redes sociais para acadar un emprazamento axeitado no mercado laboral e realizar, en palabras dos organizadores do obradoiro, “unha procura de emprego eficaz”. O obradoiro, engaden, “será práctico e vivencial, traballarase a través de dinámicas que axuden a interiorizar conceptos e practicar novas olladas de cara á busca e xeración de oportunidades laborais”.
Como lembraremos, a Deputación de Pontevedra iniciou o proceso de selección das persoas participantes en DepoEmprega 2016 o pasado mes de setembro. Estas puideron solicitar a participación directamente nas súas oficinas do Servizo Público de Emprego. Este programa ten por obxectivo mellorar a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego (concretamente búscase a integración do 35 %, é dicir, 21 persoas). Nun plano máis concreto, fornécese formación para acadar certificados de profesionalidade, prácticas en empresas e busca de postos de traballo para aquelas persoas que xa teñen estudos e experiencia laboral, ademais dun apartado de autoemprego. O programa tamén acubilla accións individuais, coas que se ofrecerá orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, adestramento, ou novas tecnoloxías.
DepoEmprega mete nas redes sociais aos colectivos en risco de Pontevedra
Compartir Este Artigo

