O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de informar da súa incorporación á Enterprise Europe Network, unha alianza de entidades e corporacións a prol da competitividade e, en palabras do complexo empresarial galego, “a maior rede do mundo de información e asesoramento a pequenas e medianas empresas”. A participación da Tecnópole na Enterprise Europe Network artéllase a través de GalacteaPlus, o consorcio que lle dá cobertura á rede no Noroeste de España, coa participación doutras sete entidades de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. En GalacteaPlus tamén está integrada a Axencia Galega de Innovación (GAIN), que é, xunto coa Tecnópole, a entidade de referencia da dita rede na nosa terra.
En total, a Enterprise Europe Network, unha iniciativa impulsada pola Unión Europea, está formada por máis de 600 entidades de máis de 60 países. O seu obxectivo é multiplicar as oportunidades de éxito das PEME combinando a experiencia no mercado internacional que ofrece a rede no seu conxunto co coñecemento da contorna máis inmediata que achegan as entidades locais-nodo.
Segundo informa a Tecnópole, os servizos que fornece a rede están “especificamente orientados a mellorar as oportunidades das PEME da UE a través da internacionalización”.
O labor do Parque Tecnolóxico de Galicia na rede centrarase sobre todo o eido das relacións comerciais. Isto farase “a través dunha ampla carteira de servizos a disposición de calquera PEME galega, aínda que tamén están abertos a outro tipo de empresas e a centros tecnolóxicos e de investigación”, explica a Tecnópole, engadindo que as empresas xa poden acudir aos seus servizos de asesoramento para facer consultas sobre lexislación, fiscalidade ou instrumentos de axuda no ámbito comunitario.
A Tecnópole de Ourense intégrase na Enterprise Europe Network
Compartir Este Artigo

