
Segundo explica o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, investigador principal deste proxecto seleccionado no programa Retos de la Sociedad, “a idea é que o adestrador teña en tempo real unha recreación, unha animación, da situación real en calquera tarefa do adestramento”. A carón de Lago, a tamén profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, o investigador da UTAD Jaime Sampaio e o enxeñeiro informático e profesor da Universidade de Salamanca Roberto Therón conforman o equipo de traballo do proxecto Data-driven visual group of analysis in soccer match.
Segundo engaden, o software no que están a traballar posibilitaría interpretar os datos (tanto de maneira individual como colectiva) xerados polos petos con GPS “cos que contan xa a maioría dos equipos de primeira e mesmo de segunda división”. E apuntan a maiores: “O GPS rexistra as posicións de cada xogador dentro dun eixo X e un eixo Y e o que buscamos con todos eses arquivos e descargalos na soa aplicación e facer a animación de cada tarefa”.
O propósito, polo tanto, é atopar variables de aspectos grupais que non foron modeladas ata o de agora no adestramento, “esa é a gran novidade do traballo”, aclaran os investigadores, engadindo que o seguinte paso deste proxecto sería “sermos capaces de calcular a entropía, como un indicador da complexidade do comportamento colectivo dos equipos, que nos permite ter unha medida da súa regularidade, do seu grao de predicibilidade”. Ao seu xuízo, a app resultante podería ter un “enorme impacto na práctica”, dado que cos GPS permitiría “non só facer a análise dun xogador individual ou de todo o equipo, senón buscar ti as asociacións entre sinais que precises e nos intervalos de tempo que a che interesen”.
A UVigo impulsa unha app que avalía polo miúdo o comportamento colectivo dos futbolistas
Compartir Este Artigo

