A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense acolleu este xoves a segunda edición do seu Foro de Emprego, unha actividade que ten como obxectivo amosar ante o alumnado, ao detalle, as oportunidades laborais que lles ofrece a súa contorna. Para acadar este reto, a cita puxo en contacto, unha vez máis, a empresas do sector TIC con presenza en Ourense (cidade e provincia), por unha banda, con estudantes e profesores do grao de Enxeñaría Informática, pola outra.
A sesión comezou cunha xeira de presentacións nas que representantes das firmas que participaron nesta edición do foro (Bahía Software, Balidea, Everis, Hotusa, ViewNext, Plexus, Imatia, Redegal, Sociedad Lonia Textil, Coremain e Arbentia), deron a coñecer a medio cento de estudantes as súas actividades e, tamén, as oportunidades que lles fornecen en materia de emprego.
Segundo explicou Enrique Barreiro, docente da ESEI e membro da organización deste foro, a día de hoxe “hai unha demanda moi importante de titulados en Enxeñaría Informática” en xeral e tamén na contorna de Ourense, onde, apuntou, estanse a instalar empresas que precisan destes profesionais. Na súa opinión, o foro puxo unha vez máis de manifesto que máis que o alumnado buscar prácticas e emprego “son as empresas as que puxan por atopar titulados neste eido”. Alén destas presentacións, o foro ofreceu aos estudantes a oportunidade de ter entrevistas individualizadas cos representantes das empresas que especificamente lles eran de interese.
Novas tecnoloxías para a equidade de xénero
Alén deste Foro de Emprego, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense celebra este xoves unha segunda actividade pública. Dentro do ciclo de conferencias #TalentoESEI, organizado con motivo da conmemoración do 25 aniversario do centro, ten lugar ás 20.30 h no Centro Cultural Marcos Valcárcel a conferencia TIC: Ferramenta clave para a equidade de xénero. Nela participarán Marina Alonso, coordinadora de proxectos de desenvolvemento de software e de equipamento informático de grandes contas de Marka Informática; Josefina Alonso, responsable da área de calidade e seguridade funcional da división de electrónica, HMI e sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, e Susana Gómez, socia fundadora de Origami Soluciones. Logo celegrarase unha mesa redonda moderada por Encarnación González, profesora titular de ESEI. A sesión está organizada en colaboración co Foro La Región e é aberta ao público interesado.
Unha ducia de firmas TIC da nosa terra amosaron as súas oportunidades laborais perante o alumnado da ESEI
Compartir Este Artigo

